2.251 parad@s máis en Decembro, a que está agardando Feijóo para comparecer?

A voceira de Emprego do G.P. do BNG, Montse Prado, reiterou a necesidade de que compareza no Parlamento a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, ou o propio Feijóo para dar a cara ante os alarmantes dados do paro correspondentes ao pasado mes de Decembro, que sitúan a Galiza á cabeza das Comunidades nas que se produciu unha suba maior, mentres o comportamento no Estado foi dunha lixeira melloría.

Montse Prado quer saber que máis ten que pasar, que cifra se ten que acadar de desempregados para que o goberno de Feijóo reaccione e asuma que debe rendir contas na Cámara galega e explicar que políticas pensa adoptar para frear esta situación, “que nos aboca directamente ao abismo”.

“Dende que Feijóo chegou á Xunta en Abril de 2009 –lembra a deputada- o paro rexistrado aumentou en 68.125 persoas, é dicir, nestes momentos existen no País 278.787 persoas sen emprego, das cales 2.251 se sumaron no pasado mes, un 0,81 por cento máis respecto do mes de Novembro. Non lle parecen dramas suficientes a este goberno para vir comparecer?”, prantexa a parlamentar.

Políticas fracasadas

Para Prado, esta realidade evidencia o que xa ten denunciado o BNG reiteradamente, que a reforma laboral e as políticas de recortes masivos só están provocando máis recesión e máis paro ou precarización total do traballo, proba evidente é que dos novos contratos un 90 por cento son temporais.

Non é de recibo que ante unha situación tan dramática a resposta da Xunta sexa reducir nun 40 por cento as políticas activas de emprego

A deputada nacionalista considera que non é de recibo que frente a este escenario, a resposta da Xunta sexa a de presentar uns orzamentos para este ano que reducen nun 40 por cento a partida para políticas activas de emprego ou o despido de máis de cen orientadores laborais.

 Menos propaganda, máis acción

“Onde está a envexa para as restantes Comunidades da que falaba onte a conselleira?. É esperpéntico que un goberno, ante un dos principais problemas que ten Galiza fale con tanta frivolidade e faga declaracións deste tipo, que son pura propaganda, en vez de actuar”.

Montse Prado advirte de que a situación é catastrófica e recoñece que, efectivamente, pode haber recuperación en 2015, como anunciou a conselleira, “pero porque cando un cae tan baixo o único que resta logo é subir”.

A deputada lembra que o BNG xa pediu hai un mes a comparecencia de Beatriz Mato no Parlamento e que se habilitara o mes de Xaneiro para traballar arreo nos moitos asuntos trascendentais para o desenvolvemento do País.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG