Vence e Lobeira declaran en apoio de Xulio Vicente, referente na loita contra a estafa bancaria

O BNG volve denunciar a criminalización das protestas das persoas estafadas pola banca que fai que sexan precisamente ás vítimas do roubo das preferentes e subordinadas as que teñan que dar explicacións ante os tribunais acusados pola Administración central, -a través das delegacións e subdelacións do goberno-, dunha suposta alteración da orde pública.

Protesta social pola estafa bancaria en Santiago

Para o Bloque, por contra, a loita dos e das preferentistas foi un exemplo de civismo e de valentía para reclamar o que se lles roubara ante a inacción, cando non cooperación, dos executivos central e autonómico do PP, como manifestou o portavoz nacional, Xavier Vence, que hoxe acudiu xunto co secretario de Organización, Bieito Lobeira, a declarar no xuízo de faltas celebrado contra Xulio Vicente, referente da loita social dos estafados dentro da Plataforma de afectados do Baixo Miño.

“É evidente que houbo unha estratexia de criminalizar a protesta dos e das estafadas polas preferentes e subordinadas por parte do Goberno”, denunciou Vence ás portas do xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra, cando se trataba de mobilizacións “cívicas e valentes” de quen só pretendía facer valer os seus dereitos “fronte ao roubo da banca e a posterior connivencia do Goberno”.

Protesta pola contra a estafa bancaria ante o Parlamento

O xuízo a Xulio Vicente, por participar nunha protesta ante unha sucursal da desaparecida Novagalicia Banco, eleva a medio centenar a cifra de vistas contra persoas que participaron na loita contra a estafa bancaria. Segundo explicou o propio Vicente, ata agora toda as sancións impostas, -que sumaban 20.000 euros de multa-, foron desestimadas tras aceptarse os recursos interpostos. “Unha proba máis da criminalización premeditada da protesta para disuadir ás persoas estafadas de seguir loitando polos seus dereitos”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG