A deputada nacionalista recriminou ao conselleiro de presidencia, Alfonso Rueda presumir de aforro e transparencia mentres os delegados territoriais do PP custan a Galiza 10 millóns de euros ao longo da lexislatura
Trala comparecencia do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda para informar das liñas de actuación da consellería, a deputada nacionalista, Tereixa Paz pediu a destitución inmediata do Delegado territorial de Ourense, Rogelio Rodríguez, a quen acusou de corrupto por ter defraudado 150.000 euros de fondos europeos segundo reza a sentenza do ano 2009 da Audiencia Nacional.
Asemade, engadiu, hai un procesamento por vía penal no que será xulgado por malversación de fondos públicos e falsidade documental, polo que volveu pedir a destitución do representante da Xunta na provincia de Ourense por ter mercado con fondos públicos un terreo e unha nave para unha planta de biomasa.
Tereixa Paz tamén aludiu a condición de alcalde de Arnoia de Rogelio Martínez no momento dos feitos e denunciou a conivencia do propio conselleiro Rueda nunha actuación falta de transparencia e decencia. Paz preguntou se esta é a rexeneración democrática que pretende facer o Partido popular cando predica unha administración aforradora, legal e austera.
O Bipartito once competencias, a Xunta do PP ningunha
Noutra orde de cousas, a parlamentaria criticou a falta de xestións da Xunta de Galiza co Goberno central para conseguir máis competencias e criticou que o conselleiro Rueda cualificara de fracaso do bipartito conseguir once en catro anos cando a Xunta co Partido popular non conseguiu ningunha.
A parlamentaria nacionalista tamén censurou o triunfalismo do vicepresidente Rueda sobre os fondos europeos e criticou que as negociacións da Xunta custáranlle a Galiza 3.500 millóns, a Xunta non foi quen de de acadar uns baremos de reparto dos fondos europeos para favorecernos.
Medidas propagandísticas para Igualdade
A parlamentaria rematou a súa intervención manifestando o seu malestar polas previsións da Xunta en materia de Igualdade, máis de trescentas medidas serán postas en marcha afirmou Rueda ao que a deputada do BNG respondeu que é o momento de traballar e non presumir de coordinar os centros de información ás mulleres dende os concellos cando a realidade confirma que á chegada do PP á Xunta a primeira medida foi pechar estes centros de información.
A loita contra a violencia de xénero non é só unha proclama,é traballar a prol da igualdade pero non poderemos traballar nesta liña se vostedes se empeñan en eliminar todos os programas de igualdade, de corresponsabilidade e de acceso das mulleres ao traballo.