A parlamentaria do BNG reclamou a devolución do cen por cen da extraordinaria de decembro de 2012 e o pago de xuros pola paga retida
A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe a devolución do cen por cen da paga extraordinaria retida aos empregad@s públicos e o pago de xuros polo que o conselleiro de Economía cualificou de aprazamento.
Para a deputada, o proxecto de lei do PP para aprobar a retribución da paga extra de decembro do 2012 aos empregad@s públicos, é unha nova escenificación do PP para facer propaganda dos supostos logros da recuperación económica e dicir o contrario da súa verdadeira política política contra a administración pública.
A parlamentaria defendeu un texto alternativo ao proxecto lembrando os recortes aos empregad@s públicos durante os últimos anos polo que reclamou a devolución total do que lles foi roubado.
Continuos recortes ao colectivo de traballadores/as públicos
No ano 2010, Zapatero, explicou a nacionalista, recortou o salario nun 5%, Núñez Feijóo aprobou unha lei tamén de recortes salariais e sociais aos empregad@s públicos de Galiza e posteriormente o Goberno do Estado no ano 2012, a través dun decreto, expropiou a paga extra da que o conselleiro de Economía chamou hoxe aprazamento. Neste sentido, a deputada propuxo pagar os xuros tendo en conta que a supresión da paga responde a un aprazamento, ironizou.
Tras a intervención da portavoz do PP, Paula Prado, a deputada acusouna de mentir vilmente por afirmar que de ser aprobadas as emendas da oposición non se podería abonar o 26,23% da paga extra no mes de outubro, é mentira recalcou a deputada nacionalista, se vostedes aproban a devolución co texto alternativo que presenta o BNG que establece que a lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación, mañá se publica a lei no DOG e pasado maña o conselleiro xa pode dar consigna para elaborar as nominillas e devolverlle o 26,23%, igual que minte, engadiu, cando afirma que non se pode aprobar a nosa proposta porque non se pode aprobar o artigo 2 para pagarlle o outro 50% por falta de habilitación legal, é que me da a risa.
Para a deputada hai dúas alternativas, unha, a do Partido popular cun un único artigo que explicita que antes, non en outubro, senón antes de finalizar o 2015 se pagará o 26,23% da paga extra que lle roubaron no 2012, fin de la cita, porque non pon nada máis. Asemade, na memoria económica, engadiu, queda claro que o custe da devolución son 215 millóns de euros e vostedes habilitan 56,5 millóns de euros, polo que non hai máis posibilidade que devolver o 26,23%. Opción B, sería a proposta do BNG que pode entrar en vigor pasado mañá, devolverlle antes de que finalice outubro o 26,23%, devolverlle antes de que finalice o ano o 50% e devolverlle as pagas adicionais e complementos que lle levan birlado nos anos, 2013,2014 e 2015 e non roubarlle o que lles queda do 2012.
Tereixa Paz tamén reclamou restituír os días de asuntos propios e antigüidade e derrogar a lei que deixou en papel mollado un convenio colectivo recortando os dereitos sociais e laborais dos empregados públicos.