A deputada do BNG defendeu hoxe unha Proposición non de lei contra o deterioro asistencial do Servizo de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario de Ourense e reclamou de maneira inmediata a contratación de facultativos
O PP votou hoxe en contra dunha Proposición non de lei defendida hoxe pola deputada do BNG, Tereixa Paz en comisión, sobre a contratación de persoal facultativo para manter a atención permanente do servizo de cirurxía pediátrica e revogar a unificación deste servizo coa área de Ourense e Vigo.
Na súa intervención, a parlamentaria defendeu que, Ourense ten dereito á asistencia sanitaria e denunciou o deterioro e a precariedade da sanidade nesta provincia.
Tereixa Paz explicou que dende hai tempo, moitas persoas denunciaron problemas na asistencia sanitaria do CHUOU que mesmo as obrigou a viaxar a Vigo ao servizo de pediatría ante a falta de profesionais en cirurxía pediátrica en Ourense.
Para a parlamentaria, en Ourense se está producindo unha vulneración do dereito a asistencia sanitaria en igualdade de condicións destinada a garantir a saúde das persoas e o seu benestar. No ano 2112, explicou, foron ingresados na UCI pediátrica de Ourense 70 pacientes que precisaron cirurxía, na actualidade sería imposible porque estarían obrigados a ser desprazados en ambulancia ata Vigo.
Paz tamén salientou os prexuízos ocasionados ás familias dos nenos e nenas que deben permanecer durante días na cidade de Vigo para seren atendid@s e lembrou que o portavoz popular fixo referencia, na súa intervención a saturación do servizo de Vigo que obriga a derivar aos doentes a centros concertados.
Neste sentido, denunciou que o modelo sanitario do Partido popular conduce á privatización e preguntou se debaixo da estratexia de deixar sen servizo de cirurxía pediátrica o CHUOU non responderá á intención de privatizalo.
Finalmente, Paz lamentou o voto negativo dos populares para resolver as eivas do Servizo de pediatría no Centro Hospitalario de Ourense e volveu reclamar de maneira inmediata a contratación de ciruxáns pediátricos que poidan atender aos pacientes fora do horario establecido para atención nesta especialidade.