A deputada negou que os casos de explotacións abandonadas con vacas famélicas e mortas sexan casos illados, son produto, dixo, das políticas contra o sector leiteiro galego
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu unha moción con medidas urxentes para resolver a situación, cada vez máis crítica do sector leiteiro.
Na súa intervención, a parlamentaria comparou o abandono de explotacións con imaxes de vacas mortas e famélicas coa grave crise do sector en Galiza do que dixo, non son casos illados polo que volveu reclamar que a Xunta reúna a todos os elos da cadea nunha mesa e obrigalos a aceptar que deben repartir os beneficios da cadea dunha maneira igualitaria. O goberno, afirmou, está para utilizar todos os seus instrumentos para obrigar a chegar a acordos cos operadores privados.
Tereixa Paz criticou que a portavoz do PP, Isabel García Pacín, recriminara á oposición por non presentar propostas concretas ao que a nacionalista replicou que sistematicamente o Partido popular rexeita todas as propostas que presentan os grupos parlamentarios.
Temos que rescatar as explotacións porque en tres meses moitas se verán obrigadas a pechar e se vostedes queren axudar ao sector impulsen medidas urxentes. Un Plan de fortalecemento do sector lácteo con medidas a longo e medio prazo é inútil se antes non rescatamos as explotacións abocadas ao cerre e por iso propoñemos que a comisión de seguimento sexa complementaria.
O BNG propón enviar leite galego para axuda humanitaria
A parlamentaria preguntou porqué a Xunta non decide, en troques de baixar o prezo do leite, retirar dous ou tres millóns de litros de leite e envialo para axuda humanitaria, vostedes, recalcou, non queren axudar ao sector e se de verdade queren facelo voten a favor da moción do BNG e dos puntos que recolle como instar á ministra Tejerina a que os galegos e galegas non estamos dispostos a reducir a nosa produción nun miligramo de leite mentres non se reduza no resto da Unión Europea ou é que vostedes prefiren dicirlle aos gandeiros de Galiza que deben deixar de producir o leite e seguir consumindo o que lle sobra aos franceses, alemáns e irlandeses. Ese é o modelo que o Partido popular quere para Galiza?, preguntou.
A deputada asegurou que a moción nacionalista non representa grandes custes económicos e só pretende cumprir con iniciativas aprobadas no propio Parlamento así como garantir os compromisos asumidos noutro ámbitos por diferentes gobernos polo que confiou na unanimidade a favor da iniciativa nacionalista e de non ser así, o Goberno seguirá minimizando os síntomas da grave crise do sector lácteo galego con imaxes de explotacións que se ven obrigadas a deixar morrer o seu gando.