A até agora deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez e membro da Deputación Permanente da Cámara, manifesta a rotunda crítica do BNG ao coñecer que a Fiscalía pide tres anos de prisión para cada un dos tres estudantes universitarios que se concentraron ás portas da Facultade de Matemáticas da USC en outubro de 2014 para se manifestar en contra de Feijoó e as súas políticas.
A represión é a vía de quen non asume a sana crítica social
É absolutamente impropio dun estado democrático e de dereito condenar ao cárcere a mozos que se concentraron pacíficamente como acto de protesto polas políticas de recurtes no ensino público. A represión é a vía dos gobernantes que non saben asumir a crítica social nin aceptan a sana expresión pública de estudantes ou cidadáns indignados polas políticas adoptadas, afirma Rosana Pérez.
Considera totalmente desproporcionado que a Fiscalía pida cárcere por exercer a liberdade de expresión. E chama a atención sobre a hipocresía dos que están todo o día a voltas coa sacrosanta Constitución máis pasan as follas dos artigos relativos ao dereito de reunión, manifestación e expresión. Rosana Pérez afirma que Aarom, Mario e Atanes son vítimas da recalcitrante e franquista Lei Mordaza. Un ano após dos feitos, pretenden levalos a prisión e que servan de exemplo do que non se debe facer.
O PP aprobou a Lei Mordaza para acalar e pór medo
Concorda Pérez cun dos estudantes que afirma que a pena que se pide para eles ten por obxectivo amedrentar. É o propósito da Lei de Seguridade Cidadán, instaurar o silenzo, acalar a crítica social, e evitar as manifestacións e actos de protesto nas rúas. O PP sempre foi amigo de limpar as rúas na súa mellor tradición reaccionaria.
Rosana Pérez amosa a solidariedade do BNG cos estudantes represaliados e comprométese a reclamar na vindeira lexislatura a derogación da Lei Mordaza, a demandar o respecto dos estado e do seu aparato represivo e policial aos dereitos fundamentais dos cidadáns. A xente debe poder moverse libremente polas rúas sen medo a que un policía lle deteña por manifestar a súa crítica. Non se pode retroceder niso.