Daniel Rodas afirma que a pesar da maquillaxe das contas, a consellería perde peso e condena á flota galega o desmantelamento
O deputado do BNG, Daniel Rodas respondeu á conselleira, tras a comparecencia para presentar os orzamentos da consellería do Mar que seguimos perdendo peso. A respecto do ano 2012, explicou, o orzamento cae un 37,4% e dende principios da lexislatura un 52,50% e criticou que o goberno de Feijóo,fora incapaz de enfrontarse aos problemas da pesca, marisqueo e miticultura adoptando medidas contra os intereses galegos, o marisqueo perde emprego, caen as rendas, non estiveron presentes na batalla da etiquetaxe, nin na unidade do sector.
Para o deputado, a separación de Medio Rural e Mar responde a motivos puramente electorais.
Noutra orde de cousas, dixo, se facemos balance constatamos menos flota, menos traballo e peores condicións da actividade. Vostede é cuestionada polos patróns maiores de Arousa, polas mariscadoras, cerqueiros, volanteiros, arrastreiros e con razón, porque nunca a encontran a vostede máis alá das procesións e degustacións. Os únicos que non a critican son as Federacións provinciais e as Confrarías porque ano tras ano os fondos que as subvencionan aumentan. A federación galega pasa de 61.000 euros a 70.000, a de Pontevedra de 50.000 a 60.000 e a de Coruña de 38.000 a 50.000, explicou.
Política portuaria en función de demandas próximas ao PP
A súa política portuaria responde dixo, ás demandas clientelares" e puxo como exemplo a Lonxa de Riberia ou o Club de xubilados de Meira, ou o Paseo da Seara en terreo de Costas con autorizacións de cesións de terreos mentres dure o goberno do alcalde do PP.
Este ano a lonxa de Ribeira acapara o maior investimento, 1.473.000 euros , e o peor é que se descoñece o modelo de xestión, se será mixta ou completamente privada. É moi grave, recalcou Rodas abonar 350.000 euros para que atraquen os barcos nun lugar con pouco abrigo onde resulta moi difícil atracar.
Traballadores do cerco acampando en San Caetano
O sector pide un reparto xusto e non individual, dous anos levan sen resolver o problema dun modelo colonial que reparte entre os que máis teñen, denunciou o parlamentario do BNG.
O deputado lembrou que en Cabo de Cruz 226 embarcacións teñen dificultades de amarre e despois de investir nesa infraestrutura 12 millóns de euros agora pretenden resolvelo con 100.000 euros para pantaláns flotantes que resolvan os problemas de abrigo.
Gran aposta do PP pola acuicultura
O parlamentario tamén se referiu ao programa de maior dotación, o 723 A de competitividade e mellora da produción con medidas sobre o tratamento de descartes e a aposta polo novo modelo acuícola, nada máis e nada menos que con 18.000.000 de euros para cumprir cos criterios de Bruxelas e Madrid desglosados en: seguro para as produción acuícolas, 800.000 euros, medias de saúdo e benestar animal, 1.500.000, inversións produtivas, 8 millóns, reconversión do sistema de xestión e auditoría ambiental, 300.000 euros, prestación de servizos medioambientais, 150.000, redución da auga e produtos químicos, 4.700.000 euros, asesoramento para explotacións acuícolas, 2 millóns de euros. Como é posible dedicar tantos fondos públicos para introducir capitais alleos aos nosos modelos tradicionais. Son partidas que evidencian o modelo das gaiolas de salmón.
O parlamentario concluíu a súa intervención criticando as inversións que coliden co traballo e a riqueza. Vostedes entréganlle un ben público, as rías, e por riba fináncianlles os proxectos, os pensos e barbitúricos expulsando aos pescadores e mariscadores.