Rodas: "Os orzamentos son clientelares e dánlle as costas á pesca e o rural"

O deputado rexeitou os orzamentos por non ofrecer alternativas aos problemas do sector pesqueiro galego e representar o “exterminio” do rural

Daniel Rodas na presentación dos Orzamentos de Medio Rural e Mar

O deputado do BNG, Daniel Rodas acusou hoxe á conselleira de Medio Rural e Mar de dar “as costas aos sectores rural e pesqueiro e facer política clientelar” cuns orzamentos que representan un -2,3% de investimento.

Rodas explicou que a situación provocada pola crise económica resulta dramática ao que debemos sumar agora o recorte para pesca dun 31%, de “78 millóns de euros a 53 millóns”.

“Cada vez, temos menos ingresos, barcos e mariñeiros”, e cos orzamentos para o 2015, a consellería de Mar desaparece. Portos de Galiza pasa de 18,5 millóns a 6,5 e infraestruturas descende un 62%, menos, dixo, a “obra faraónica” da nova lonxa de Ribeira, 3,8 millóns “pensada en clave electoral”.

Conselleira, inquiriu Rodas, como pensa solucionar os problemas diarios de mantemento dos portos e explicar ás confrarías que non van cumprir os seus compromisos en Laxe, Cabo de Cruz ou Aldán?.

O nacionalista tamén censurou que as partidas para Ensinanza pesqueira, Forestal e Formación Profesional sexan reducidas ata un 45,6%. Como se vai implementar o I+D se desaparecen as bolsas de investigación, preguntou.

Por outra parte, resaltou que tamén cae nun 2,5% a protección e mellora do medio natural a pesar de continuar a grave situación da mortaldade e caída de capturas no marisqueo. Para o deputado, cos orzamentos defendidos hoxe por Quintana, “haberá que seguir agardando que a propia natureza resolva esta cuestión”.

O parlamentario desglosou as partidas que baixan entre as que destacou as destinadas a Servizo de Gardacostas, divulgación da tecnoloxía pesqueira, investimento e axudas a cultivo mariño, así como a proxectos colectivos.

Rodas, como xa fixera hai días na comisión de Pesca, volveu reclamar unha campaña do mexillón galego con DOP mexillón de Galiza e un compromiso real coa etiquetaxe para rematar coa fraude.

Nestes orzamentos, remarcou, “non hai proxectos para marisqueo, pesca tradicional, flota de altura nin para o sector industrial nin miticultura”.

 O Goberno galego deixa tamén ao pairo o Medio Rural.

O deputado do BNG criticou que a política forestal do Partido popular sexa un claro reflexo de política clientelar. Se aproximan as eleccións municipais e aumentan os convenios cunha partida nova de 10 millóns de euros para motobombas persistindo no modelo de “cuadrillas de pantuflas” con persoal contratado por tres meses, sen formación e mecanismos de coordinación e profesionalidade. “O programa 551B increméntase en 12 millóns de euros máis iso, non se traduce nun cambio cara un modelo forestal baseado na prevención e na ordenación”.

En todo este tempo, explicou, non foron capaces de impulsar nin unha Sociedade de Desenvolvemento Forestal (SOFOR), malia ser esta a súa proposta estrela para o monte e tampouco aprobaron unha Lei de montes que , á vista dos orzamentos, vai ser de difícil execución.

Non está na súa intención habilitar algunha medida orzamentaria para que as Comunidades de Montes poidan cumprir coa disposición adicional 9 sen un desembolso millonario ou sen que vexan expropiada a xestión dos seus montes?

E agora ven o seu colega, o Conselleiro de Industria coa súa particular proposta estrela, a “industrialización” do monte, o programa de biomasa. Intensificar a política de especies de crecemento rápido, sen ningún valor engadido, só para queimar. Comparte vostede ese modelo produtivo para xerar riqueza e contribuír a erradicar a lacra dos incendios?. “Cándo ten previsto realmente meterlle man á forestación de terras agrarias?”

O nacionalista afirmou que a falta de terra nas explotacións vólvese especialmente acuciante pola desaparición de cotas lácteas para a próxima campaña que motivará que os gandeiros teñan que competir en base a reducir custes de produción.

Meteron no conxelador o Banco de Terras para mantelo inoperativo e colapsado.

Neste orzamento a mobilidade de terras, un dos nosos maiores problemas, logo de terse reducido á irrelevancia absoluta no anterior orzamento, increméntase a 3 millóns de euros, “insuficiente” ao noso xuízo. Lembren que no 2009 o programa 713A estaba dotado de 19 millóns de euros.

Cal é o seu obxectivo?. Seguir sen facer nada?.Si cren que este é un obxectivo estratéxico non considera que debera ser unha prioridade orzamentaria?, apuntou Rodas.

En relación coas concentracións parcelarias, dixo, “o seu balance é nefasto”. Non hai máis que ler o informe recente do CES que é demoledor.Pedimos dende o BNG que elimine a Dirección Xeral por austeridade porque con estes orzamentos de “miseria” non ten cometidos que abordar.

Sra. Conselleira vostede está con estes orzamentos condenando aos produtores a teren cada día máis dependencia para a alimentación do gando, máis gastos, máis pobreza, máis abandono e máis peches.

O PP abandona o sector lácteo galego

O sector lácteo ten un grande reto a partir de abril de 2015 e á vista deste orzamento parece que non ocorra nada. Nin unha soa medida.

Que foi do plan estratéxico do sector lácteo? Cal vai ser a súa estratexia para abordar os grandes problemas dos prezos, terra, relevo xeracional do sector e da gran industria foránea. O PDR nin o nomea e este Goberno vai pasar a historia por asestarlle o maior golpe ao cooperativismo en Galiza co “golpe de graza” a Alimentos Lácteos. Sobre esta cuestión preguntou quén lle vai pagar aos cooperativistas os miles de euros que lles adebedan , ou “isto tampouco é do seu negociado”, ironizou.

Ningún dos grandes problemas do rural e das persoas que nel aspiran a traballar están nos seus orzamentos polo que concluímos que son as contas do “exterminio do rural e afundimento no mar"

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG