O deputado do BNG, Daniel Rodas denunciou que se está a envasar chorito, mexillón procedente de Chile, como mexillón galego
O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre o cumprimento da lei na etiquetaxe do mexillón galego tras unha recente sentenza que ratifica a vulneración da legalidade marcada pola Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Rodas explicou que a recente sentenza protexe o enlatado do mexillón baixo a denominación de orixe protexida pero enfronta a dous intereses e modelos ben diferentes, por unha banda, dixo, o do oligopolio da conserva que dende o ano 2007 substituíu o mexillón galego polo chorito mantendo os baixos prezos dende hai unha década aínda que o etiqueta como galego e por outra, os intereses do sector extractivo con 3.300 bateas e 12.000 persoas que viven directamente deste produto con prezos en fresco por debaixo dos de hai unha década.
A conselleira Rosa Quintana defendeu a etiquetaxe do mexillón galego e a súa DOP pero matizou que non representa máis do 14% da produción total.
O BNG acusa a Quintana de tentar enganar o sector do mexillón
Na réplica, Rodas acusou a titular da consellería do Mar de tentar enganar ao sector ao igual que fixo, afirmou o nacionalista, co anteproxecto de lei de Acuicultura, momento no que mostrou a súa verdadeira faciana.
O deputado explicou que no ano 2007 determinados conserveiros marcharon a Chile para seren produtores de mexillón nese país. Hai un colectivo, afirmou que ten interese por blindar o seu modelo produtivo que non é outro que o mexillón na súa produción conte cun baixo prezo e que o produto en conserva sexa foráneo e vostede nesta materia, mantén unha dobre moral, por unha banda apoia a DOP e por outra di que non representa máis que o 14%.
A súa dobre posición é a que ven mantendo historicamente e que aboca ao sector a enfrontamentos e falta de criterio sobre o prezo. Vostede minte cando di tolerancia cero cando en realidade a maior parte do mexillóns transformado en Galiza, non é galego.