O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento unha proposición non de lei para que se faga toda a presión política e institucional necesaria co obxecto de declarar Monforte Nó Loxístico e porta de entrada e saída das mercadorías cara a meseta central e Europa.
Así o anunciaron este Xoves en rolda de prensa a portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón, a deputada por Lugo Maribel Sánchez e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, quen expresou o seu desexo de que os restantes grupos da Cámara, cos que tamén manterá contactos, respalden a iniciativa nacionalista.
Tanto Pontón como Rodríguez coincidiron en que esta proposta, así como o establecemento da Rede Básica de Mercadorías no trazado León-Monforte Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña, son estratéxicas non só para o propio concello de Monforte senón para toda a provincia, nomeadamente para a zona sur.
Trátase dunhas infraestructuras que poden ser un revulsivo económico nun momento de crise como o actual e que poden contribuir á dinamización e desenvolvemento industrial e comercial da zona, afirmou a voceira parlamentar.
Decisión da UE
Pola súa parte, Severino Rodríguez lembrou o papel histórico de Monforte como punto neurálxico da rede de mercadorías e explicou que o obxectivo é recuperar ese protagonismo, a través dunha proposta de Fomento que xa está en forma de borrador na Unión Europea pero que a decisión final se adoptará a finais deste ano.
Trátase de asegurar que non haxa cambios de última hora por unha decisión política e a UE aprobe a finais de ano a proposta tal cal está, coa inclusión de Monforte na rede de transportes
Para o alcalde de Monforte, é fundamental exercer esa presión política e institucional a favor da proposta para que non aconteza como noutras ocasións e a última hora e por unha decisión política se desbote a elección de Monforte, cos seus conseguintes perxuízos de desestructuración social e económica de toda a comarca.
Severino Rodríguez reiterou que tal e como está a proposta, incluindo a Monforte como nudo loxístico, xunto a Vigo e Coruña, se está ante a correcta definición de onde teñen que estar ubicadas este tipo de plataformas en Galiza, beneficiará non só a Monforte senón tamén á planificación das infraestructuras ferroviarias de transportes de todo o País.