A parlamentaria do BNG, Carme Adan propuxo hoxe, a través dunha Proposición non de lei, elaborar un Plan de emprego feminino e de corresponsabilidade e reclamar do Goberno do Estado medidas para favorecer a integración da muller no mercado laboral en condicións de igualdade.
Durante a defensa da proposta, a nacionalista lembrou que o 8 de marzo é unha data de reivindicación, con máis de cen anos, e que no seu momento as activistas buscaban mellorar o ámbito laboral ante a explotación das mulleres. Hoxe, explicou, atopámonos ante unha banalización das datas e o 8 de marzo as mulleres somos felicitadas a través das tendas ou os wassaps, non queremos ser felicitadas, dixo a deputada do BNG, o 8 de marzo é unha data para a reivindicación e contra as desigualdades que estruturan as nosas desigualdades.
O PP rexeita elaborar un plan que impulse o emprego feminino
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Rosa Oubiña anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista por considerar que a Axenda 20 polo Emprego xa contempla un plan de emprego en feminino.
Precarización do emprego feminino
Na réplica, Carme Adán insistiu en que este ano, o 8 de marzo as reclamacións centráronse en que todas as mulleres teñamos os mesmos dereitos, laborais, de conciliación, políticos, sexuais, reprodutivos que teñen os homes e este ano traemos un debate á Cámara galega que non é novidoso pero si moi necesario, a situación de conciliación de mulleres e homes en Galiza. Os datos son clarificadores, recalcou, existe unha menor taxa de empregabilidade das mulleres que dos homes, maior taxa de desemprego das mulleres e fenda salarial, estes tres puntos mantéñense invariábeis ao longo dos anos e se analizamos os datos de paro feminino tiramos como conclusión que dende o ano 2009 perdéronse 53.000 empregos de mulleres a tempo completo e aumentaron en 15.000 os empregos a tempo parcial.
As mulleres teñen cada vez un emprego más precario e a tempo parcial ao que debemos sumar as tarefas do fogar en solitario. A nacionalista tamén se referiu ao fenómeno tesoiras nas plantillas de catedráticos sendo menor o número de mulleres catedráticas cun reparto asimétrico de xénero ao igual que na lei de investigación coa ausencia de referencias a mulleres ou o programa muller e ciencia para impulsar a presenza das investigadoras, lei de emprendemento sen perspectiva de xénero que atenda os proxectos en femininos e por último temos a lei de economía social na que se repite o mesmo, polo tanto, traballo pola igualdade un ritual.