A deputada do BNG, Ana Pontón reclamou establecer convenios coas administracións para reparar infraestruturas públicas e danos persoais e patrimoniais en varios concellos da provincia da Coruña afectados polas inundacións dos días 29 a 31 de marzo do 2016
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei instar á Xunta a aprobar axudas específicas dirixidas a persoas físicas ou xurídicas nos concellos da provincia da Coruña afectados polas inundacións durante os días 29 a 31 de marzo.
Asemade, a deputada tamén reclamaba dirixirse ao Goberno do Estado a fin de aprobar axudas e créditos extraordinarios para compensar ás persoas, empresas e entidades concedendo aprazamentos ou condonacións no pagamento de tributos estatais así como establecer liñas de crédito prioritarias con aval público para relanzar a actividade económica.
Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Tellado anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista argumentando que a Xunta ten a intención de colaborar no financiamento da reparación dos danos no ámbito municipal ao que a parlamentaria replicou lendo a carta dirixida aos concellos informando dos requisitos para solicitar as axudas entre as datas 25 de decembro de 2015 e o 15 de febreiro do 2016 o que, en opinión da deputada, constata a falta de vontade da Xunta para atender os danos producidos polas inundacións.
A nacionalista recalcou que a iniciativa do BNG reclamaba non só axudas para os concellos afectados senón para as persoas afectadas polas enchentes en vivendas, en propiedades ou na súa administración comercial. O partido popular, dixo, ten que revisar mellor o que facían na oposición no ano 2006 cando reclamaban, con urxencia a posta en marcha, por parte da Xunta de Galiza, medidas.
A deputada lembrou que ano 2002 foi publicado un decreto de Axudas específico para cubrir os danos en vivendas, sector turístico e comercial da Mariña, e hoxe nós o que pedimos é exactamente o mesmo que se fixo no pasado e se non queren facelo para os concellos da provincia da Coruña terán vostedes que explicar porque hai un trato diferente para os cidadáns, en función da cor ideolóxica.