A deputada do BNG, Ana Pontón formulou unha pregunta ao Goberno sobre a anulación, por parte do Tribunal Supremo, de 129 concesións de transporte público prorrogadas pola Xunta por un período de dez anos
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta sobre a decisión do Tribunal Supremo de anular 129 concesións de transporte público prorrogadas pola Xunta por un período de dez anos e culpabilizou á Xunta de chapuza e deixar no limbo a 129 concesións.
A deputada explicou que o pasado 14 de marzo de 2016 dábase a coñecer a sentenza do Tribunal Supremo que anula, non unha Lei,dixo, senón unha resolución da Dirección xeral de Mobilidade da Xunta pola que era aprobado o plan de modernización das concesións do transporte público regular e que consistía na prorroga por 10 anos de 129 concesións de transporte público. A nacionalista afirmou que a sentenza constata unha responsabilidade directa da Xunta que non pode eludir.
A sentenza dálle a razón ao BNG
A sentencia, engadiu, a parlamentaria crea inseguridade xurídica, deixa no limbo 129 concesións e pon de relevo que o PP é un goberno incompetente e incapaz de dar seguridade xurídica coa lexislación que aproba.
Para a deputada, a sentencia dálle a razón ao BNG que no debate da lei que deu orixe a resolución xa criticou ao Goberno por actuar de maneira irresponsable e a sabendas que enganaba ao sector do transporte e cunha saída ilegal.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez respondeu á nacionalista que o goberno galego prorrogou as concesión cumprindo a lei e a normativa europea e confiou en que a sentenza non supoña un atranco para modernizar o sector do transporte.
Na réplica a deputada asegurou que o goberno contaba con meses suficientes para resolver o problema pero dende o ano 2009 ata o 2016 non dixo nada por modernizar o transporte en Galiza. A deputada lembrou que a sentenza é firme e o Goberno ten obriga de acatala.