Pontón: " O centro Casas Novas humilla a unha menor por falar galego"

Ana e Cosme 2A parlamentaria do BNG, Ana Pontón pediu hoxe ao Goberno galego “poñerse de lado” da menor discriminada no centro Hípico Casas Novas de Arteixo e investigar “a fondo” o acontecido para que non volva a acontecer.

A parlamentaria tamén reclamaba, na proposición non de lei, defendida hoxe na Comisión de Educación e Cultura, poñer en funcionamento un departamento que recolla as denuncias “ por discriminación lingüística” de maneira gratuíta con apoio xurídico ás persoas que quixeran denunciar este tipo de vulneración de dereitos fundamentais.

Na defensa da iniciativa, a deputada explicou que a propia nai da menor relatou algunhas das frases da monitoras entre as que destacou “te explicas tan mal que no te entiendo, es que a ti no te entiendo como hablas” e mesmo pasando a unha fase máis agresiva coa obriga de: “yo si te hablo castellano, tu obligación es hablarme castellano. Aquí todos hablamas castellano y tú también lo tienes que hablar”.

A nena que chegou “con moita ilusión ao campamento” co paso dos días, encontrábase incomoda co trato polo que a súa nai puxo en coñecemento dos responsábeis do centro hípico o que estaba pasando e solicitou que a menor puidera utilizar “a lingua na que ela se expresa con normalidade”. Ante o requirimento da nai, a resposta do centro hípico foi convencela de que no centro non todo o mundo falaba galego e que “tampouco tiña tanta importancia” o asunto.

Ana Pontón na comisión de Educación e Cultura

O centro nega o acontecido pero a deputada demostrou que o problema existiu como revela a devolución da totalidade da matricula a nai a pesar da participación da nena nas actividades do campamento durante unha semana. Con este proceder, dixo, a nacionalista, o centro “tenta tapar o problema escondendo esta vergoña debaixo da alfombra” e cominar á nai da cativa a que non expuxera a luz pública o problema. Dende o BNG cremos que os feitos foron recoñecidos e parabenizamos a familia que non está disposta a permitir “unha vulneración dos dereitos da súa filla”.

“Neste país, afirmou a deputada, incumprese a legalidade vixente sen que pase nada” polo que reclamou investigar o acontecido no Centro Casas Novas e crear un departamento con dotación xurídica para recoller as denuncias por discriminación lingüística.

O PP afirma que non hai caso

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Agustín Baamonde anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista por considerar que “que non hai caso” ao que a deputada respondeu que existe “unha denuncia” formulada por unha nai que aínda segue agardando unha resposta da Xunta de Galiza, polo tanto, retrucou, “si hai caso”.

Vostedes, concluíu, póñense ao lado dos que agriden á menor e vulneran as leis de protección de infancia e adolescencia porque non actúan contra a violencia. Esta menor “sufriu maltrato psicolóxico por usar o idioma deste país” e iso, merece unha resposta do Goberno.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG