O BNG valora as contas públicas de 2016 como uns orzamentos regresivos, que afondan no modelo de privatización de servizos e non contribuirán a xerar emprego posto que carecen de medidas para reactivar os sectores produtivos.
Son inadecuados, sen ambición para promover un cambio e irrealistas nas previsións de medre de consumo e, por tanto, nas predicións de crecemento económico, indicou o portavoz nacional, Xavier Vence, para quen os orzamentos presentados polo goberno do PP so servirán para facer propaganda en período electoral, ademais de denunciar a habitual falta de execución que en 2014 deixou sen gastar 28 de cada cen euros presupostados.
Vence foi particularmente crítico co que definiu como agasallos fiscais, en relación ao cheque bebe e bonos gardería, porque non van ter incidencia algunha no problema demográfico e resta recursos públicos. Son recursos que se detraen para poder ampliar a rede de garderías e facilitar servizos públicos que permitan conciliar a maternidade e a paternidade coa vida laboral, o que si sería eficaz para incrementar a natalidade, explicou.
O portavoz nacional tamén chamou a atención sobre o feito de que a Xunta renuncia a 69 millóns de euros fixados como teito de gasto fiscal, sen que existan recursos adicionais para promover os sectores produtivos. Galiza seguirá no furgón de cola en termos de crecemento económico e, polo tanto, non se creará emprego, sintetiza.
Vence considera que os de 2016 son uns orzamentos cos que Feijóo intenta facerse perdoar polas políticas de recortes que están sendo contestadas pola maioría social, e colga algunha chocolatina envelenada dunha árbore seca, que xa non da nada, con vistas a campaña electoral. Son unhas contas trucadas, igual que os motores de Volkswagen, comparou.
O BNG salienta tamén as regresión fiscal que acompaña ás constas de 2016, porque ao lado dos agasallos fiscais, que son o chocolate do loro porque apenas repercuten na economía, Feijóo mantén as medidas fiscais máis regresivas como os cinco céntimos sanitarios cos que se gravan os hidrocarburos, o que explica que Galiza teña a gasolina máis cara ca media do Estado.
Igualmente, a anunciada reforma do IRPF supón unha regresión porque aumenta este imposto ás rendas comprendidas entre os 20.000 e os 35.000 euros, que son a da maioría dos traballadores e traballadoras que pagarán máis no imposto da renda.
Como primeiro paso, o Bloque presentará unha emenda á totalidade no Parlamento, para rectificar unhas contas que non benefician á maioría social.