A deputada afirmou que o tempo non apremiaba para a prorroga pero os intereses do Partido popular primaron a costa de sacrificar a ría e á poboación de Pontevedra
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na comisión de Ordenación do Territorio relativa á prorroga concedida a ENCE por 60 anos polo Goberno en funcións do Partido popular.
Na intervención, a parlamentaria cualificou de fraude democrática a decisión de prorrogar a permanencia de ENCE na ría e lembrou que o pasado 19 de xaneiro miles de persoas manifestáronse en contra desta decisión e demandando a retirada da pasteira. Son máis de 50 anos de ENCE en Pontevedra por mor dunha decisións na ditadura franquista que castigou duramente aos veciños que naquela ocasións tamén rexeitaron a medida.
ENCE, reiterou a nacionalista estraga a ría de Pontevedra e leva consigo un modelo forestal destinado a converter Galiza nun eucaliptal. Agora, o Goberno do Partido popular, en funcións, prorroga 60 anos máis ENCE e sabemos que a decisión só beneficia á empresa vendida a prezo de ganga porque caducaba no ano 2018 e a maiores, a da Xunta segue ofrecéndolle agasallos en miles de litros gratuítos de varios concellos e a rebaixa de taxas por utilizar o peirao de Ribadeo.
Por outra parte, lembrou que cargos do Partido popular tamén se benefician como o ex-cargo da Xunta, Carlos del Álamo ou a ex-ministra Isabel Tocido, ademais doutros cargos menores. Montse Prado preguntou que beneficios reporta ENCE ao pobo de Pontevedra e a súa contorna. Na súa opinión, só gana a empresa e a Banca e algo cheira a podre na decisión do Goberno do PP en funcións á hora de conceder a prorroga a costa de sacrificar unha ría e impedir outros usos para o dominio público no que está ubicada a empresa. A parlamentaria afirmou que ENCE prexudica o marisqueo e o turismo pero o Partido popular sigue primando os intereses da empresa e das empresas dos amigos.
Pola súa parte o director xeral de Calidade ambiental, Justo de Benito xustificou a prorroga e afirmou que a postura da Xunta é clara, protexer o emprego e actividade económica, prioridades absolutas deste goberno.
Na réplica, a nacionalista reiterou que a prorroga é unha cacicada e por moito que a queiran xustificar non van poder porque representa un roubo directo á calidade de vida d@s cidadáns de Pontevedra. O PP non tivo rubor en mudar a lei de Costas para favorecer a permanencia de ENCE e unha Lei de solo que tamén a protexe. Se a empresa non cumpre coas súas obrigas, explicou Prado, a prorroga reduciríase a 50 anos, esa é a dureza que vostedes propoñen.
Galiza ten competencias plenas na Ordenación do Territorio pero vostedes non as exercen porque non queren, concluíu.