A deputada do BNG, Montse Prado reclamou abrir a terceira planta, na súa totalidade, e denunciou a precariedade das condicións laborais do persoal e mestura de patoloxías diferentes no mesmo espazo
A deputada do BNG, Montse Prado, a través dunha pregunta, na Comisión de sanidade, esixiu do Goberno un compromiso para ofrecer unha atención sanitaria de calidade no hospital do Salnés.
Apoio do BNG á folga para que o Álvaro Cunqueiro sexa público e se resolvan todas as deficiencias
A parlamentaria iniciou a súa intervención amosando o apoio do BNG á folga de 24 horas convocada para hoxe na área sanitaria de Vigo para reivindicar a reversión do hospital Álvaro Cunqueiro á sanidade pública e resolver todas as deficiencias detectadas. Ademais, lembrou que os celadores/as xa non son considerados bata branca e o Sergas privatizou unha gran parte das tarefas deste colectivo polo que levan varios días pechados.
O Sergas non se compromete co hospital do Salnés
Tras a resposta do Xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa que restou importancia a situación do hospital do Salnés, Montse Prado dixo que das súas palabras entendemos que non van facer nada e que permitirán polo tanto, que nunha mesma planta convivan cinco especialidades diferentes con dúas ATSs e dúas Auxiliares polo que volveu a preguntar se esa é a ratio que Sanidade considera adecuada, nunha planta con 37 pacientes.
Ademais, a deputada lembrou que nas últimas comparecencias, tanto a directora xeral como a portavoz de sanidade do PP afirmaron que a ampliación do hospital suporía duplicar o servizo de urxencias mellorando a atención, tanto para adultos como para urxencias pediátricas así como un novo bloque cirúrxico e unidades de día.Neste sentido, preguntou se a aplicación do hospital levará aparellado un aumento da ratio ou as melloras serán asumidas polo mesmo persoal.
Para a deputada, o PP concibiu os hospitais comarcais como fundacións dotándoas moi por debaixo da media do Sergas e dende entón, afirmou, isto non foi solucionado.
A parlamentaria volveu a preguntar se a terceira planta será aberta con persoal estable, se a mestura de patoloxías na mesma planta será eliminada e se os doentes en paliativos ou mulleres que van dar a luz poderán contar nunha habitación individual.
Por outra parte, denunciou a situación xerada pola falta de aparcamento da que dixo, moito nos tememos que aplicarán a mesma solución que no Álvaro Cunqueiro cun parking privado ou leira park.
A parlamentaria concluíu a súa intervención cualificando de indecente a política laboral da Xunta co persoal do hospital do Salnés sobrecargándoos de traballo e con cambios de servizos e especialidades para suplir as ausencias que se producen.