O Deputado do BNG pediu ao Goberno un plan de medidas destinadas a reactivar o acceso do crédito en Galiza
O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta ao Goberno, na comisión de Economía sobre as previsión que manexa ante a evolución dos datos publicados polo Banco de España relativos ao volume de créditos e depósitos bancarios en Galiza, comunidade dixo, na que máis retrocedeu.
Jorquera lembrou que é a terceira vez que o BNG trata en comisión a evolución do aforro e a concesión de créditos, no mes de febreiro mesmo defendeu unha Proposición non de lei propoñendo que a Xunta presentara un plan de medidas para impulsar a reactivación do crédito en Galiza porque os propios datos do Banco de España confirman que o aforro dos galegos e galegas estase expatriando.
Volume de depósitos dos Bancos en Galiza
Os datos, dixo volven a ser peores e demostran que o volume de depósitos é superior ao crédito concedido, marzo de 2014, 56.601 millóns de euros, marzo de 2015, 56.754,no mes de xuño 57.749 millóns de euros, e dicir o volume de depósitos subiu de maneira constante mentres o de crédito volvía a retroceder, marzo de 2014, 47.591 euros, marzo de 2015, 44.204 e xuño do mesmo ano, 44.059.
No mes de decembro, engadiu, apuntamos unha diferenza de12.550 millóns de euros entre o crédito concedido e o volume de depósitos, cantidade que emigra do noso país para fornecer de crédito a outros territorios.
Madrid multiplica por catro o crédito per cápita
Jorquera asegurou que o crédito per cápita concedido en Madrid multiplica xa por catro o que se concede en Galiza polo que volveu preguntar ao Goberno se considera un éxito de xestión que dende o ano 2009 Galiza sexa a comunidade onde máis retrocedeu o crédito e situado á cola do crédito per cápita.
O parlamentario achacou esta situación o proceso de reestruturación bancaria da que tanto presume o Sr. Feijóo e a falta de medidas que a Xunta non aplica para solucionar o problema.
Na quenda de réplica o nacionalista lembrou que o BNG propuxo transformar Novagalicia Banco nun Banco público galego pero seica esa iniciativa era pouco menos que peado. Ademais tamén propuxemos, dixo, crear un Instituto Galego de Crédito e investimento, seica outra tolemia para o PP mentres o estado de execución dos orzamentos da Xunta para o ano 2014 resultaba do 61% na consellería encargada de impulsar o crecemento económico e no capítulo de transferencias de capital apenas chegaba ao 52%,capítulo no que se recollen varias liñas de dinamización económica a través de subvencións aos diferentes axentes galegos, concluíu.