Os grupos parlamentarios piden que non se execute a orde de expulsión de Hassana Aaalia

Esta demanda súmase á declaración institucional aprobada no Pleno do Parlamento galego  celebrado o pasado 10 de febreiro

Reunión dos grupos parlamentarios

Todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia acordaron solicitar ao Goberno central, a través do Ministerio do Interior, que recoñeza o dereito de asilo político ao activista saharaui Hassanna Aalia e non execute a orde de expulsión decretada contra el logo da súa detención, o pasado día 6 de outubro, en Burgos.

Esta demanda dos grupos parlamentarios súmase á declaración institucional aprobada o pasado 10 de febreiro no Pleno na que se insta ao Ministerio de Interior a reconsiderar a petición de asilo político de Hassanna Aalia, aceptando a súa petición de protección internacional, segundo o establecido na Lei 12/2009, dado que, se volve ao seu país, será castigado duramente polas autoridades marroquís e non volverá saír de prisión no que lle quede de vida.

PARTICIPANTE NO CAMPAMENTO GDEIM IZIK

Hassanna Aalia, nacido en El Aaiún en 1988 e activista dende os 17 anos, participou en 2010, xunto con aproximadamente 20.000 saharauís, en Gdeim Izik, o campamento de protesta pacífica máis importante na historia do Sáhara Occidental, desmantelado polo exército marroquí con extrema violencia o 8 de novembro de 2010.

O 17 de febreiro do 2013, o Tribunal Militar de Rabat emitiu sentenza contra 25 civís saharauís acusados de organizar Gdeim Izik, o campamento da dignidade. Entre eles, Hassanna Aalia, que permanece nesta comunidade e é xulgado en rebeldía e condenado a cadea perpetua.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG