A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou unha pregunta parlamentaria sobre a supresión dalgúns servizos, frecuencias e altas tarifas dos servizos do tren entre Ourense e Santiago que imposibilitan o seu uso a unha gran maioría de persoas que se desprazan para traballar ou estudar
A deputada do BNG, Tereixa Paz cualificou de discriminación intolerábel para as persoas usuarias a supresión da viaxe Ourense-Santiago ás 10.30hs e salientou que dende as 17:25 até as 20:30, non hai forma de voltar cara Ourense. Ademais, engadiu que polas mañás dende as 7:55 até as 12:10 tampouco existe comunicación de Ourense a Santiago polo que preguntou ao Goberno que actuacións ten previstas para a reposición dos servizos así como unha adecuación nas frecuencias, horarios e prezos asumibles.
Pola súa parte, a directora de Mobilidade, Elena de Lucas asegurou que as tarifas foron conxeladas para o ano 2016 e os cambios débense a reorganización de RENFE e as frecuencias e as tarifas están establecidas polo Ministerio de Fomento. Por outra parte, explicou que aumentaron os servizos, Olmedo-Zamora, León-Zamora, e foron incrementados tamén en seis servizos as liñas Ourense-Madrid. Elena de Lucas afirmou que as liñas en Galiza están a mellorar de maneira notable.
A parlamentaria lamentou a resposta da directora de Mobilidade da que dixo, deduzo que o Goberno galego non ten previsto reclamar a reposición dos servizos ferroviarios eliminados. Tereixa Paz reiterou que foron eliminadas frecuencias de Ourense a Santiago e resulta que as persoas que habitan en Ourense, explicou, necesitamos uns servizos de ferrocarril máis adecuados porque utilizamos o servizo a Santiago para traballar e estudar e as liñas que foron incrementadas están fora de Galiza.
A deputada ironizou sobre o incremento dos servizos, Olmedo-Zamora ou León-Zamora dos que dixo, en Ourense estamos que lo petamos pero resulta que nós necesitamos viaxar entre Ourense e Santiago e vostede mándanos a Madrid.