Galiza solidaria coas persoas refuxiadas. Mobilízate!

Galiza solidaria coas persoas refuxiadas (Facebook)A Unión Europea da vergoña quitou a carauta e vemos as consecuencias dunhas políticas contrarias a calquera principio de solidariedade. Políticas inhumanas que normalizan o tráfico con seres humanos pactando o seu desaloxo co Estado turco, coñecido polas súas prácticas antidemocráticas e contrarias a dereitos como a liberdade sindical ou de expresión e polo exterminio do pobo curdo.

As refuxiadas son obrigadas a abandonar os seus lugares fuxindo da guerra para sobrevivir aos conflitos e ás consecuencias que deixan ao seu paso. Detrás disto vemos a hipocrisía dos gobernos occidentais. Promoven guerras imperialistas e de saqueo que só provocan destrución e morte en países como Siria e, ao tempo, láianse da existencia de persoas refuxiadas, que foxen, en moitos casos, desas mesmas guerras que alimentou a cobiza de Occidente.

Porque falamos dunha Unión Europea culpábel? Porque non pon fin á guerra e ás intervencións militares, non muda as políticas de peche de fronteiras por medidas de axuda e solidariedade e co acordo don Turquía vulnera todos os acordos internacionais canto a dereitos humanos, ignorando o clamor político e social contrario. Esta non é, nin de lonxe, unha Europa de solidariedade, paz ou dereitos humanos. Por iso reclamamos a superación da Unión Europea, construída ao servizo das elites e poderes económicos e non dos pobos e as maiorías sociais. Situacións como as das persoas refuxiadas só poden ser solucionadas de raíz con outro marco. Fronte á Europa do neoliberalismo, da OTAN e de gobernos ao servizo das clases dominantes, hai que construír alternativas sociais e dos pobos, nas que os gobernos desenvolvan políticas en favor das maiorías sociais e fagan da solidariedade, o respecto e a cooperación os elementos substanciais da súa política internacional.

Chamamos ao pobo galego a mobilizarse en favor da solidariedade e manifestar o repudio ás actuacións das institucións e os gobernos europeos. Se hai vontade política, da que carece o PP, é posíbel tamén impulsar medidas desde os nosos ámbitos achegados. Por exemplo, xa en setembro o BNG instou á Xunta a elaborar un Plan de acollida de persoas refuxiadas dotado de orzamento e a establecer cos concellos liñas de colaboración para o acollemento. Tamén solicitamos a diversos concellos a retirada da bandeira europea como sinal de repulsa aos feitos e á lamentábel posición do Estado español. Ás galegas e galegos solidarios e antiimperialistas, non nos representan!

UNIÓN EUROPEA RESPONSÁBEL

NON Á GUERRA!

MOBILÍZATE.

O mércores 16 MOBILÍZATE contra as políticas da Unión Europea.

A CORUÑA (20H) no Obelisco

FERROL (20H) diante da sede da Xunta (Praza de España)

SANTIAGO DE COMPOSTELA (20H) na Praza do Toural

BURELA (20H), diante do concello

LUGO (20H), diante da Subdelegación do Goberno

OURENSE (19.30H), diante da Subdelegación do Goberno

VILAGARCÍA DE AROUSA (20H), na Praza de Galiza

VIGO (20H), diante do MARCO

PONTEVEDRA (20h), manifestación desde a Praza de Pontevedra até a Subdelegación do goberno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG