A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu no pleno da Cámara con motivo do debate do Real Decreto-lei polo que se adoptan medida para reparar os danos causados polos temporais nos meses de xaneiro e febreiro na fachada atlántica e na costa cantábrica.
Após de escoitar ao Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, Davila subiu á tribuna a pór de relieve as
insuficiencias e carencias que ten o Real Decreto, tanto no que atinxe ao seu ámbito de aplicación posto que esquece zonas do interior moi afectadas, como no relativO a axudas a sectores afectados como o pesqueiro e o agrario.
Debe contemplar as zonas do interior de Galiza, e axudas á pesca polo longo parón da súa actividade
A deputada do BNG salientou que a catástrofe natural que se viviu na Galiza e noutros territorios non só se produciron na costa e na hostalaría, senón que os dous meses e medio de temporais ininterrumpidos tamén danaron a zonas do interior, e a terras de cultivo moi importantes.
Davila avaliou o decreto de insuficiente porque non recolle os graves danos que se produciron en sectores como o agro e a pesca. En relación ao sector pesqueiro, recóllense medidas pero non se dispoñen axudas polo parón da actividade. Durante máis de dous meses a frota estivo amarrado e non puido sair a faenar, o que conlevou importantes perdas económicas que se deberían paliar con medidas no Decreto.
Ademáis, resaltou a deputada do BNG, Ourense e comarcas como A Limia sofriron importantes inundacións polo desbordamentos dunha serie de ríos, o que afectou a terras agrícolas que perderon as colleitas. Por iso, instamos ao Goberno a ter en conta estas insuficiencias que lle trasladamos, e a ampliar o contido do Decreto para subsanar as súas deficiencias.
A portavoz do BNG rematou subliñando que o BNG se vai abster na votación deste Real Decreto, agardando que o Goberno tome nota e contemple medidas para estas cuestións.