O deputado preguntou que medidas ten adoptado o Goberno galego para reclamar o cambio actual de cotas que aboca a flota do cerco ao abandono da actividade e o desmantelamento
O parlamentario do BNG, Daniel Rodas interpelou hoxe á conselleira do Mar, Rosa Quintana sobre as medidas adoptadas polo goberno para reclamar o cambio do actual modelo de reparto no cerco que discrimina a Galiza.
Na súa intevención o deputado aludiu aos dous meses que levan acampados os armadores do cerco nas inmediacións da Xunta sen que o Goberno tomara medidas. Vostedes inquririu, non defenden o colectivo que representa un modelo de pesca responsable e sostible.
Pola súa parte a conselleira respondeu ao nacionalista que os criterios utilizados para o reparto son os que máis benefician a flota galega nun 20% e o sector sabeo. Sobre os peches das pesquerias sen ter actualizado os datos como preguntou o deputado, a conselleira asegurou que son peches preventivos e polo tanto necesarios para non chegar a ser sancionados.
O nacionalista replicou a Quintana que fai trampas ao afirmar que a xestión colectiva suporía o 20% menos de cotas, nós, recalcou, non temos porque aceptar que se computen os supostos dereitos históricos dende o ano 2002 ao 2012 nin debemos aceptar que nos históricos sexa computada o exceso de cota que pescaron algúns e que nós non o pescamos.
O deputado preguntou á conselleira porqué non pon en valor os criterios que a flota defendeu dende hai trinta e tres anos con cotas diarias e descansos semanais e asegurou que non pode haber consenso no sector porque o modelo que defende o Goberno galego supón concentrar nuns poucos barcos todos os dereitos da flota galega condenándoa a abandonar a activade e o despezamento.
Hai dous anos perdemos a posibilidade de establecer unha negociación beneficiosa para a sardiña, o bocarte e a xarda e agora vostedes, volven a colocar no precipicio a flota do cerco ao non aceptar cambiar os criterios de reparto polo que pediu unha rectificación e que a consellería non lle dea as costas ao sector do cerco.