O deputado do BNG, Cosme Pombo responsabilizou ao goberno do Estado da eliminación dos servizos ferroviarios en Galiza e reclamou os servizos de cercanías que existen noutras partes do Estado
A parlamentaria do BNG,Cosme Pombo formulou hoxe unha pregunta ao goberno na comisión de Ordenación territorial relativa a marxinación de Lugo en materia de conexións ferroviarias cuns servizos iguais ou peores que hai 100 anos. O parlamentario reclamou conexións dignas e modernas para unha provincia cercana aos 350.000 habitantes.
Pola súa parte, a directora Xeral de Mobilidade, Elena de Lucas afirmou que o AVE chegará a Galiza no ano 2018 e amosou a súa satisfacción polos avances ferroviarios experimentados en Galiza nos últimos anos. De Lucas considerou que non existe a discriminación manifestada polo deputado porque foron incrementadas as liñas entre Lugo e Madrid así como a frecuencia de enlaces con Ourense para permitir unha maior conexión con Madrid. Sobre os servizos de media distancia afirmou que son deficitarios pero sostéñense con cartos públicos.
O billete de tren entre Lugo e Madrid custa 21,90 euros, o billete Lugo-Santiago de Compostela, 22 euros
Na réplica, o parlamentario lamentou que a responsable da Xunta non anunciara unha reclamación ao Goberno do Estado para modernizar a rede ferroviaria en Galiza. O AVE, explicou Cosme Pombo, ía chegar no ano 2006, despois no 2010, máis tarde no 2012, co Pacto do Obradoiro no 2015 e parece que finalmente chegará no 2018. Da estación intermodal de Lugo na que conflúan ferrocarril, autobús, acesos a portos e aeroportos, para cando, preguntou.
Nunha provincia de preto de 350.000 habitantes,engadiu o nacionalista, constatamos que para ir de Lugo a Coruña en coche lévanos unha hora e no tren fan falta tres horas, de Lugo a Ourense en coche, unha hora e en tren mínimo unha hora e cincuenta en catro minutos, agora ben, para ir a Madrid dende Lugo, 500 Qm, seis horas corenta minutos e con tarifas de 21,90, sen embargo o billete de Lugo a Santiago con cento e poucos QM o billete custa 22 euros, é máis caro o billete Lugo-Monforte-Ourense-Santiago que Lugo-Madrid, esta é a realidade, recalcou o parlamentario do BNG.
Finalmente, Cosme Pombo preguntou a directora Xeral de Mobilidade polas previsións da Xunta sobre a intermodalidade en Lugo, os accesos a estación, as obras para a estación terminal para mercadorías do Polígono das Gándaras, o porto seco de Monforte, os accesos do FEVE cunha nova vía e para cando unha liña directa entre Lugo e Santiago?
O deputado concluíu preguntando polos prazos para eliminar os pasos de niveis e a variante de Monforte para todas as persoas que traballan o estudan en Ourense, Santiago ou Coruña. Hoxe ten vostede a oportunidade de dicirlle a todas esas persoas a oferta que teñen de trens e o rápidos e baratos que son.