No día de hoxe, despois de que finalice esta comparecencia pública, presentarei no rexistro do Concello a miña demisión como concelleiro na Corporación municipal de Ourense e consecuentemente a renuncia a todas as miñas responsabilidades na mesma.
Quero transmitir en primeiro lugar que son totalmente inocente dos cargos que se me imputan e que teño a certeza absoluta de poder demostrala no futuro inmediato.
Esta decisión derívase do proceso xudicial ao que estou sometido. Tomo esta determinación en coherencia coa práctica política que sempre defendín dentro da miña organización e o que sempre defende e practica o Bloque Nacionalista Galego.
Con esta demisión pretendo evitar que o exercicio da miña defensa, para demostrar a miña inocencia, acabe interferindo no funcionamento da institución municipal e do propio Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego.
Para concluír, presento esta demisión por coherencia persoal e da miña organización política, reafirmando, unha vez máis, a miña total e absoluta inocencia.
Supoño que son moitas as preguntas que tedes en relación co proceso, ás que non lle podo dar resposta por estar sometido a segredo de sumario.
O que si podo dicirvos é que o único que me relaciona con este asunto é, ao parecer, unha conversa entre dúas persoas imputadas no transcurso da cal sae o meu nome. Reitero que en todo caso que o que se comenta nesa conversa é absolutamente falso.