A deputada lamentou que o Partido popular non aceptara nin tan sequera publicar a previsión sobre o actual concurso eólico
A parlamentaria do BNG, propuña na Proposición non de lei, defendida hoxe na Comisión de Industria e Enerxía, facer pública a previsión plurianual do desenvolvemento do concurso eólico, das autorizacións e potencia que será instalada en Galiza e dos proxectos industriais asociados, con especial detalle para este ano.
Tras a intervención do portavoz do Partido popular, Pedro Arias que anunciou o voto en contra da petición da parlamentaria do BNG, Adán cualificou de grande fracaso o concurso eólico de Feijóo como demostra a última sentencia do Tribunal Supremo.
Por outra parte, a nacionalista afirmou que o o sector eólico perdeu nos últimos dez anos o 80% de emprego polo que reiterou a necesidade de avaliar o actual concurso co fin de buscar unha saída a situación de total parálise que vive o sector.
Para a deputada, a crise no sector eólico obriga ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Industria a comparecer no Parlamento galego para dar conta do fracaso do que non seu día Feijóo tildou de grande plan industrial para Galiza.
Carme Adán reiterou que o goberno bipartito apostaba pola participación pública nos plans industrias fronte o modelo de Núñez Fejóo cun reparto para as empresas amigas. A Xunta ten explicado a diferentes fontes xornalísticas que, segundo os últimos datos da comisión de seguimento, todos os proxectos seguen adiante con 1.939 megavatios que continúan en tramitación ao que a deputada replicou que poden estar reflectidos nun papel pero na realidade, nada de nada.
Adán concluíu a súa intervención pedindo responsabilidade ao goberno e afirmou que non aprobar esta iniciativa é unha mostra de que non existen previsións de futuro para o sector eólico en Galiza.