O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas valora a visita do comisario Karmenu Vella a Galiza pero que non debe ser só de carácter turística-gastronómica. Esiximos que o Goberno galego traslade a Vella a realidade dos problemas do sector do mar pola aplicación da PPC comunitaria.
O portavoz de pesca do BNG reclámalle un compromiso real ao presidente Feijóo, coa pesca galega.Para o parlamentario, xa está ben de facer turismo e non enfrontar a situación dramática pola que está atravesar o noso sector marítimo pesqueiro.
O BNG reclama a Feijóo que traslade ao comisario de pesca manter unha xuntanza co sector e os portavoces parlamentares
O BNG, pídelle ao presidente da Xunta que aproveite a visita do señor Karmenu Vella para que, ao igual que aconteceu coa arte do xeito que pretendían prohibir por ser altamente depredadora o convide a sentarse con todo o sector da pesca de Galiza, con todo o Consello Galego de Pesca, máximo órgano de consulta, e cos portavoces da Comisión de Pesca do Parlamento galego, para que se faga unha idea das consecuencias que ten lexislar tan apartado da realidade pero sobre todo que teñamos renunciado a exercer as nosas competencias sobre as nosas augas. Pedímoslle que se poña e lle poña deberes ao señor Karmenu Vella.
Rodas, quer trasladar a Feijóo a necesidade de exercer a capacidade política que lle outorgaron os galegos. Esixímoslle vontade política para enfrontar os problemas da pesca e sexa por unha vez o presidente dos mariñeiros, bateeiros e mariscador@s. Non deixe que outros decidan por nós. Levántese contra quen quere que o noso futuro sexa o despezamento e o abandono da actividade.
Repartos de cotas que divide e desregula ao sector
O deputado salienta que dende o ano 1986, seguimos sometidos ao Principio de Estabilidade Relativa con un reparto en especies compartidas abusiva. Mentres no reparto da xarda as Illas Ferou lles corresponde 132.000 ton, Galiza non pasa das 4.000 e mentres no rape en augas comunitarias temos unha cota ridícula, deixase se pescar o 30% do Tac que representa 14.000 ton.
A imposición do reparto de cotas individual está dividindo, enfrontando e desregulando ao sector. Vémolo na volanta, no arrastre e no cerco, como semanalmente realizan concentracións, asembleas, manifestacións,... reclamando un reparto que lle permita pescar sen mentiras e unha cantidades dignas. Son pescadores non traficantes, afirma o nacionalista.
Consideramos positivo avalar a situación dos stocks mellorando a información científica pero sería desexable,engade Rodas, que paralelamente se tiveran en conta as consecuencias sociais e económicas das familias dos mariñeiros, o modelo de distribución da riqueza que xera o recurso e a supervivencia de miles de galeg@s que dependen directamente das actividades relacionadas co mar.
Problemas reais como que a pesca artesanal non pode estar sometidos a Tac´s e cotas. A alta mortaldade que provoca a desaparición do berberecho, os peches administrativos na miticultura, a nova aplicación da acuicultura intensiva de peixes carnívoros nas nosas rías,... Problemas que teñen unha escenificación humana, nun País cunha taxa de paro supera ao 22%.
Flota cefalopodeira ausente en Mauritania
Para o nacionalista, é preciso modificar a actual situación de expulsión da flota cefalopodeira de Mauritania. Levamos tres anos ausentes cunha flota moderna da que tan só quedan 16 barcos, unha parte sobrevive a través de convenios privados (Angola e Gambia) e os outros en caladoiros complementarios, (Marrocos e Bissau) pero non alternativos e menos despois das medidas adaptadas unilateralmente por Marrocos (parada 5 meses).
Debemos esixirlle a modificación da normativa de aletas adheridas de tabeirón que unicamente cumpre a nosa flota e que para o único que vale é para incrementar os custes e aumentar a desigualdade de condicións con respecto a outras flotas.
Como se pode aturar un ano despois de que os mariñeiros do xeito levaran a Bruxelas, da man do BNG, a realidade da arte do xeito, que aínda non se resolvera nada, pregunta Rodas.
As súas decisións, denuncia o deputado, condicionan toda a nosa actividade extractiva e márcannos unha dirección inequívoca, o despezamento da flota, na que invisten centos de millóns mentres escasean os recursos para os mariñeiros que quedan sen postos de traballo ou para os mariscador@s que non poden sobrevivir por temporais ou mortaldades naturais.