Sanidade responde ao BNG que agardará ás revisións cientificas para incluir a vacina no calendario de vacinación.A deputada, Montse Prado pediu ao conselleiro de Sanidade que non se agoche detrás de argumentos científicos porque a Asociación española de pediatría asegura que a vacina do Meningococo B presenta un perfil a incluír en todos os calendarios de vacinación
A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Sanidade Jesús Almuíña sobre a inclusión da vacina do Meningococo B no calendario de vacinación e acusou ao Goberno do Partido popular de discriminar aos nen@s en función dos recursos para acceder á vacina
Vostedes, explicou a deputada, agocháronse en agardar pola evidencia científica pero a Axencia europea do medicamento elaborou informes que confirman esa evidencia científica ao igual que a recomendación da Asociación española de pediatría afirmando que a vacina do Meningococo B presenta un perfil a incluír en todos os calendarios de vacinación.
Para a parlamentaria, a evidencia científica é a mesma que hai meses recomendaba a vacina nos hospitais á de agora que se permite a súa venda en farmacias polo que debe incluírse no calendario de vacinación. O que non pode ser, dixo, é que o Goberno discrimine aos nenos galegos segundo teñan ou non teñan recursos para pagar a vacina.
Por outra parte, criticou que o Goberno anuncie que a vacina poderá ser abonada co cheque bebé porque hai moitas familias que non poden afrontar o seu custe, con ou sen cheque bebé.Se a vacina é segura e se permite a súa prescrición, porqué só terá acceso a ela quen poda pagala, preguntou. Dende o BNG non entendemos este xeito de actuar do Goberno do Partido popular e sospeitamos que non responde a ningún tipo de criterio médico.
A deputada reiterou que o obxectivo da vacina é protexer da enfermidade e se non se garante o uso desa protección á poboación para que serve entón a vacina?, concluíu.