O deputado do BNG, Francisco Jorquera preguntou ao Goberno se vai asumir as recomendacións do Informe da Organización Internacional do Traballo para mudar a precaria situación laboral en Galiza
O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera explicou que a crise económica obrigaba a mudar o modelo de crecemento apostando por outro baseado no coñecemento e na aportación de valor engadido á nosa economía cunha forza laboral ben formada, ben remunerada e con estabilidade no emprego, condicións, dixo, incompatibles coas reformas laborais que o Partido popular puxo en marcha. Esta estratexia, foi ruinosa para Galiza onde xa existían os salarios máis baixos.
Máis de 4 Millóns de empregos destruídos
No transcurso da pregunta parlamentaria, Jorquera citou o informe da OIT, titulado España: Crecemento con emprego que analiza as consecuencias da crise económica e reflicte que catro millóns de empregos foron destruídos no conxunto do Estado español pero tamén fai unha serie de recomendacións para unha saída máis rápida e equilibrada coa xeración de emprego de calidade polo que preguntou ao Goberno se terá en conta as recomendación da OIT entre as que figuran: impedir novas reducións nos ingresos laborais, recortes salariais e incrementar, nos vindeiros tres anos, un 10% o salario mínimo interprofesional.
O informe tamén recolle o elevado número de familias en risco de pobreza e menciona unha nova forma de pobreza, a dos traballadores pobres que creceron en España nunha alta porcentaxe a respecto do resto dos países europeos.
Os plans da Xunta para crear emprego son contrarios ás políticas que practica
Pola súa parte, a secretaria de Emprego, Covadonga Toca respondeu ao nacionalista que que a consellería está a traballar na Axenda de Traballo 20 con diferentes axentes sociais para crear emprego de calidade. A secretaria xeral afirmou que Galiza incrementou a contratación laboral nos últimos tres anos e a situación é mellor que hai un ano.
Na réplica, o parlamentario afirmou que 23% dos mozos galegos e galegas, pensan que a súa situación laboral será peor nos vindeiros anos e os contratos actuais son precarios.Por outra parte, o Goberno galego, dixo, non repón o emprego público perdido nin foron melloradas as políticas activas para xerar emprego.
Para o deputado, na súa resposta, Toca Carús non se comprometeu a asumir as recomendación da OIT nin interpretou o informe. A OIT, afirmou o nacionalista di que non se está a crear emprego suficiente nin de calidade e advirte que se están a incrementar, de xeito brutal, as desigualdades. Vostede respóndeme con plans da Xunta con horizontes moi bonito e encomiables pero se contradín coas políticas practicadas pola Xunta, concluíu.