O Director xeral da CRTVG, Alfonso Izquierdo recoñece que a porcentaxe do 30% non é satisfactoria pero afirmou que o 50% que reclama o BNG non funciona
A parlamentaria do BNG, Montse Prado preguntou hoxe na Comisión de Control da Compañía da RTVG sobre a presenza de mulleres nos programas de opinión, análise e debate da Radio Galega e da TVG.
Tras a intervención do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que a pesar de recoñecer a baixa porcentaxe de mulleres nestes programas asegurou que elevar ao 50% a presenza feminina non funciona, manifestou que as veces resulta moi difícil atopar mulleres que accedan a participar nestes espazos. A parlamentaria replicou que, unha vez máis, o responsábel da CRTVG, bota balóns fora e lembrou que as mulleres somos o 50% máis un da poboación e non pode reducir a un terzo a súa presenza nos programas de opinión. Esta situación, dixo é desproporcionada e merece una corrección.
Montse Prado afirmou que ás mulleres, nunca nos regalaron nada, e o papel que temos foi conquistado con moito suor, sangue e báguas. Durante moitos anos loitamos polo dereito a estar, opinar e votar pero sempre se nos esixe máis que a calquera home en todas as ordes da vida. Loitamos diariamente por ocupar un lugar que sistematicamente nos é negado. Pola contra, constatamos como os opinadores elixidos para os programas poden ser mediocres e con menos méritos que moitas mulleres, é non pasa nada.
A parlamentaria fixo un percorrido polos programas de opinión, análise e debate emitidos a través da Radio galega e TVG para evidenciar que nalgúns programas a ausencia das mulleres é total e no resto case anecdótica polo que volveu a reclamar unha maior presenza de mulleres elevando o número, polo menos, dixo, ao 50%.
Tratamento informativo da realidade galega na RTVG
Na mesma comisión, a parlamentaria do BNG tamén preguntou pola realidade galega que transmite a RTVG. Na súa opinión, Galiza aparece de maneira relegada á información de España, é isto é constatábel mesmo nunha serie de programas escollidos de maneira aleatoria. Neste sentido, preguntou que tempo lle dedicou a Televisión galega a información sobre ILP da tarifa eléctrica galega debatida no Parlamento galego e admitida a trámite por unanimidade, unha tarifa, explicou que pode beneficiar a moitas familias en situación de vulnerabilidade no noso país. Que tempo lle dedicou a TVG a esa información e como analizou a pobreza enerxética e que tempo dedicou ao proxecto de Acuicultura e o seu negativo impacto para o sector do marisqueo e o mar, preguntou a parlamentaria do BNG.
Máis marca Galiza e menos marca España
A deputada tamén pediu a Sánchez Izquierdo que non fixera trampas ao responder que a realidade de Galiza está presente nas edicións locais e retrucou que nos informativos con maiúsculas, a visión global de Galiza non está. O que vemos é unha realidade de Galiza reducida a unha entidade territorial en inferioridade coa realidade chamada España. Ese, engadiu, é o obxectivo do poder de do Partido popular que vostede repenica convenientemente. Montse Prado asegurou que necesitamos máis marca Galiza e menos marca España.
Sánchez Izquierdo respondeu á parlamentaria que non lle preocupa a dialéctica Galiza-España, interésame, afirmou, a dialéctica Galiza-Burxelas, Galiza- China ou Galiza-Washintong para o futuro da nosa construción. O director xeral da CRTVG explicou que a realidade galega está inxerida noutras realidades, porque somos galegos todos e dende Galiza, somos universais.