BNG pide ao Goberno que revoque a orde de expulsión de Hassanna Aalia e lle conceda o asilo político

BNGimg_0134bA deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que demanda ao Goberno español que dea marcha atrás na súa denegación de asilo político ao activista saharaui, Hassanna Aalia, e acepte un asilo político máis que fundado e xustificado.

Rosana Pérez amosa a preocupación do BNG pola actitude negativa do Goberno español perante un caso claro pois Hassanna é vítima da persecución política do réxime de Marrocos. Foi condenado a cadea perpetua pola súa participación nos actos de protesto no campamento Gdeim Izik. Pola súa loita en defensa dos dereitos humanos do pobo saharaui.

“Desde o ano 2011 vive en Bilbao. Alí en 2013 enteirouse pola radio da súa condena por parte das autoridades marroquinas. Pediu asilo político ao Goberno español que llo denegou”, explica a deputada do BNG. “O Goberno español en lugar de atender razóns humanitarias, optou por entregarse ás razóns do réxime marroquino que non soe estar en consonancia co respecto aos dereitos humanos e políticos do pobo saharaui.

Un asilo político máis que xustificado

“A pesar de todo, o Executivo español decidiu denegarlle a Hassanna o asilo político. O activista presentou un recurso xudicial contra a resolución de Interior, e está á espera da súa resolución”. A deputada do BNG lamenta o xeito de proceder do Goberno xa que as autoridades españolas procederon a deter a Hassanna na estación de tren de Burgos. Foi posto en liberdade horas máis tarde pero cunha orde de expulsión que debe ser executada en 15 días.

Mentras, sinala, a Audiencia Nacional suspeneu de xeito cautelar a súa expulsión.

Rosana Pérez salienta a política restritiva practicada polo Goberno de Rajoy en materia de asilos políticos. Apela á “responsabilidade histórica que ten o estado español en relación ao pobo saharaui. É momento de ser xeneroso e solidario co drama humanitario que sofre o pobo sirio, pero sen esquecernos do drama e das circunstancias penosas que viven outros moitos pobos omo o saharaui co que existe un deber histórico”.

Razón pola que reclama ao Goberno a concesión do asilo para Hassanna e razón pola que dirixe unha batería de preguntas ao Executivo: “Va escoitar esta demanda que este mozo poida continuar coa súa vida e coa súa actividade política en pro dun Sáhara libre? Por que non quer otorgarlle o asilo? Recibiu algunha presión por parte das autoridades de Marrocos nese sentido? Non debería primar a defensa dos dereitos humanos e o cumprimento da legalidade internacional por riba das presións dun réxime dictatorial?”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG