O deputado do BNG, Daniel Rodas asegurou que hai que defender ás persoas consumidoras para que non merquen chorito crendo que é mexillón galego
A reclamación do BNG instando á Xunta a facer cumprir a sentenza que prohibe a etiquetaxe de mexillón galego coa denominación Rías Gallegas, envasado en Galiza cando o produto é foráneo, non prosperou ao votar en contra o grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, o nacionalista, a través dunha proposición non de lei, reclamaba do Goberno galego respectar a sentenza pola que declara a práctica de competencia desleal na etiquetaxe do mexillóns como produto galego, cando en realidade, dixo, é chorito, mexillón producido en chile.
O parlamentario aludiu ao director xeral, Juan Manuel Maneiro que nunha anterior iniciativa defendida polo PP, na mesma comisión de Pesca, minusvalorou a sentenza e amparouse en escusas para defender que o 75% do sector produce tan galego como a da Denominación de produto protexido, DOP, e afirmando que a Xunta, nunca permitiu a etiquetaxe fraudulenta.
Pola súa parte, Rodas asegurou que os datos dos anos 2014-1015 constatan que foron emitidas 41 actas das que só existe un expediente sancionador.
O deputado do BNG lamentou, que unha vez máis, o Partido popular defenda os intereses dunhas poucas empresas, as mesmas que controlan as maiores empresas de transformado de chorito en Chile, fronte os intereses da inmensa maioría do sector e sometido a prezos inferiores aos de hai unha década.
O nacionalista anunciou que o BNG seguirá defendendo os intereses do sector fronte á titular da consellería do Mar cando afirma acatar a sentenza pero engade que a DOP non representa máis que o 14% da produción, a sentenza non senta xurisprudencia e Bruxelas exclúe o mexillón transformado.
O deputado concluíu esixindo o cumprimento da sentenza, a prohibición da etiquetaxe con denominación, Rías gallegas ou producido en Galiza, fora do ámbito da DOP, e apoiar ao Consello Regulador para que sexa referencia e maioritario no sector.