A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe no pleno a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de lei Orgánica de modificación da LOFCA, a lei de financiamento autonómico debido ao seu sesgo centralizador.
As modificacións contempladas neste proxecto de lei supón manter e avanzar no marco deseñado polo PP segundo o cal o estado exerce unha férrea tutelaxe sobre o financiamento das CC.AA á hora de facer a súa política orzamentaria como o estabelecemento dun défice máximo.
Davila lembrou que xa a Lei de 2012 de estabilidade orzamentaria supuxo unha forte limitación á autonomía financeira e á responsabilidade fiscal das CC.AA. Unha lei que partiu dunha concepción centralista e centralizadora, que incluso contemplaba sancións económicas para as Administracións que non cumprisen cos obxectivos orzamentarios.
Nese sentido, criticou que os mecanismos de intervención do Goberno deixasen en papel mollado os principios de autonomía e autogoberno. Asemade, censurou que se impuxese a maioría dos axustes ás CC.AA que son as responsábeis do gasto social.
Tutelaxe do estado
Este proxecto de lei, puntualizou, en lugar de avanzar na direción contraria, vostedes consolidan o modelo centralizador. Explicou Davila que o maior control do estado pódese apreciar en dúas modificacións lexislativas: na disposición adicional octava da LOFCA contémplase unha nova intrusión estatal no réxime de financiamento das CC.AA, e o estado pode reter importes do sistema de financiamento se existen obrigas pendentes de pago por parte das autonomías.
Por outra banda, sinalou, a modificación no apartado 1 do artigo 20 significa maior tutelaxe ás CC.AA, posto que no caso de incumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria, de débeda pública ou de regla de gasto, establecen a obriga de contar coa autorización do estado.