En relación ás informacións xornalísticas sobre un preacordo entre Podemos, Anova e EU para as eleccións xerais, o BNG quere facer as seguintes consideracións:
1.- Manifestar a sorpresa polo anuncio do acordo negociado por arriba entre cúpulas de partidos, -difundido pola dirección de Podemos desde Madrid-, mentres en Galiza está en marcha un proceso de diálogo entre plataformas cidadáns, partidos políticos e o conxunto da cidadanía para conformar unha candidatura galega de unidade.
2.- Ese preacordo entre cúpulas suporía unha deslealdade con todas as persoas que están a participar de boa fe, con esforzo e con ilusión nun proceso de diálogo para sumar forzas nunha candidatura galega de unidade con entidade xurídica, que lle permita a Galiza ter grupo parlamentario propio no Congreso sen supeditación algunha.
3.- Un acordo como o anunciado implicaría un engano á cidadanía por parte de forzas políticas que falan de participación e de espazos de confluencia desde a base, pero que despois pactan por arriba en reunións de despacho.
4.- O BNG seguirá sumando esforzos con todas as forzas políticas sen exclusión algunha, plataformas cívicas e, sobre todo, coa cidadanía con adscrición política ou sen ela, que leva semanas traballando para conformar unha candidatura galega de unidade con entidade xurídica propia para as eleccións xerais.
5.- O BNG confirma que participará na asemblea convocada pola Plataforma Iniciativa pola Unión para o domingo 27 de setembro en Santiago de Compostela, que considera clave como punto de encontro e debate para todas as forzas políticas, plataformas, organizacións sociais e cidadanía que comparta a necesidade de darlle a Galiza voz propia no Congreso cunha candidatura galega de unidade.
6.- O BNG confía en que dese encontro saia un gran acordo a favor dunha candidatura galega de unidade, aberta, plural, e sen exclusión algunha, espazo de confluencia para todos e todas que aposten por dar a Galiza unha representación soberana no Congreso.