O BNG esixe que o asasinato de Jimmy, seareiro do Depor, non quede impune

Francisco Jorquera pide que se investigue ata o final e que a Xunta defenda os dereitos dun cidadán

Pleno.- O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou ao vicepresidente, Alfonso Rueda que vai facer a Xunta para que o “asasinato de Jimmy non fique impune” polo que reclamou que se investigue ata o final.

A pregunta do BNG non vai de fútbol, vai de dereitos dun cidadán

Jorquera despois de confesar a súa paixón polo fútbol, afirmou que aborrece todas as actitudes violentas que utilizan este deporte como “coartada” e a pregunta de hoxe ao Goberno, dixo, non vai de fútbol, vai do asasinato dun seareiro do Deportivo.

O parlamentario recoñeceu sentirse “indignado” ao ler na prensa o “brutal asasinato do seareiro” e do tratamento do titular: “muere un ultra del deportivo tras una pelea con radicales del Atlético” en vez de “asinado un seareiro do Deportivo por ultras”, ou “nazis do Frente Atlético”. A noticia, engadiu o nacionalista, falaba dunha “quedada” que posteriormente resultou ser falsa. O que realmente houbo, foi unha encerrona, “unha caza al gallego” como antes fixeran co vasco Aitor Zabaleta, tamén asasinado.

O PP converteu ás vítimas en culpábeis

Dende o principio, intentaron converte ás vítimas en culpábeis como fixo a Sra. Cifuentes para “tapar que no centro de Madrid houbese unha agresión multitudinaria” e a policía tardara media hora en aparecer, ou tamén para tapar que “mentres Jimmy agonizaba nas augas do Manzanares, ninguén acudira a socorrelo”.

O parlamentario lembrou que na cidade da Coruña catro policías perderon a vida por axudar a un estudante nas augas do Orzán pero a Jimmy “ninguén o socorreu”.

Presentaron a Jimmy como un paria, un ninguén pero tamén un ninguén ten dereitos e por iso pedimos que se investigue ata o final, reiterou o deputado.

Jorquera afirmou que existe unha testemuña protexida, hincha do Atlético de Madrid que di saber quen foron os asasinos e como cometeron o asasinato e nin o xuíz nin o fiscal cítano a declarar, non tera a ver que entre os presuntos implicados hai polo medio un garda civil e un militar e o avogado da defensa dos presuntos criminais sexa un antigo fiscal da Audiencia Nacional, coñecido polas súas posicións de dereita extrema.

O parlamentario reclamou da Xunta que defenda os dereitos dun cidadán e que a investigación chegue ata o final porque varios seareiros foron acoitelados e ningún era do Atlético de Madrid, hai 57 multas executadas de 60.000 euros cada unha todas contra seareiros do Deportivo pero ningunha contra os integrantes do grupo nazi.

A respecto do asasinato, o xuíz afirma que non se pode determinar que os presuntos culpábeis asasinaron a Jimmy ou pola contra foi apalear e tirar ao río a outro seareiro do Deportivo que resultou ferido. Do que non cabe dubida, dixo Jorquera é que intentaron cometer un asasinato, “consumado ou non” e resulta que os deixan libres e sen cargos.

A Xunta amparase no proceso xudicial 

Pola súa parte,o vicepresidente, Alfonso Rueda rexeitou a violencia no deporte pero dixo non entender o motivo da pregunta. O que non imos facer, dixo, é un xuízo paralelo porque confiamos na actuación policial e na xustiza que e a que está investigando para que recaia o peso da lei contra os culpábeis.

Jorquera replicou que o BNG non lle pide a Xunta que interfira na xustiza pedimos “unha declaración pública esixindo que haxa xustiza e que se sume ao clamor que hai na cidade da Coruña e que se investigue ata o final, que carguen coa culpa os culpábeis e que este crime non fique impune.

 

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG