Tereixa Paz puxo o acento nas deficiencias no uso da liña de alta velocidade entre ambas cidades e criticou que o gran investimento da infraestrutura non mellorou as condicións d@s usuari@s
A deputada, Tereixa Paz criticou os prezos da liña entre Ourense e Santiago, 16,60 euros por viaxe cando unha viaxe con similar distancia entre Vigo e Santiago custa 11,10 euros así como as frecuencias establecidas.
Para a deputada, a cidadanía está a sacar un escaso partido a esta liña polo que pediu ao Goberno galego emprender unha ofensiva ante RENFE, Adif e o Goberno do Estado para que as infraestruturas viarias e os servizos ferroviarios cubran as necesidades de mobilidade das persoas reclamando novos horarios, máis frecuencias e prezos acaídos ás demandas de estudantes e traballador@s.
Pola súa parte, a directora xeral de Mobilidade, Elena de Lucas asegurou que se produciu un reaxuste por mor da posta en marcha de novos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e a oferta de servizos parece satisfacer aos usuarios. Sobre os prezos, dixo que veñen marcados pola prestación da liña, a 200qm e sen paradas a Ourense e non como a liña de Vigo que realiza dúas paradas .De Lucas tamén aludiu a diminución do custe dos billetes grazas os abonos.
Na quenda de réplica, a nacionalista asegurou que a Xunta comparece no Parlamento para xustificar as decisións de RENFE e Adif e a información aportada pola directora xeral non é nova xa que aparece na páxina web da consellería.A deputada criticou que De Lucas non respondera a pregunta formulada polo BNG relativa a se o Goberno galego considera axeitada a situación dos usuari@s nesta liña despois do gran investimento da infraestrutura. Eu creo, dixo, que iso non favorece a mobilidade.
En relación os prezos Tereixa Paz cuestionou a contía dos billetes e as frecuencias e lamentou que a directora xeral non explicitara un compromiso na Comisión de Ordenación do territorio, para iniciar xestións ante o Goberno do Estado para mudar as tarifas e frecuencias.
Tereixa Paz concluíu a súa intervención reiterando que, a pesar dos investimentos multimillonarios e estragos territoriais para a construción da alta velocidade, a política de RENFE e Adif segue no camiño de disuadir aos usuarios a que empreguen as liñas.