Montse Prado asegurou que existen outros sistemas no mercado pero a consellería elixiu unha distribución, en exclusiva a cargo dunha empresa que realiza actividades como academia de formación
A deputada do BNG, Montse Prado formulou diversas preguntas sobre a elección do sistema de control de presenza nos cursos de formación da Consellería de Traballo e Benestar e cuestionou os criterios seguidos pola consellería para instaurar un novo sistema de control biométrico de presenza, nos devanditos cursos.
Asemade cuestionou o sofware elixido pola consellería, a pesar de existir moitos outros no mercado, e que a distribución do sistema corra a cargo en exclusiva dunha empresa de consultoría e formación que, ao seu entender, pon en dúbida, tanto a transparencia do proceso como un posible conflito de intereses por realizar o axente distribuidor actividades como academia de formación.
Malestar entre as entidades colaboradoras
Montse Prado salientou que esta medida está a provocar malestar entre as entidades colaboradoras que son obrigadas a adquirir unha licenza de sofware distribuída en exclusiva cando existen outras aplicacións no mercado para este cometido.
Tras a resposta do secretario xeral da consellería de Emprego, Economía e Industria, Borja Verea que defendeu o proceso para a adxudicación do sofware por ser o mellor e seguir cinco ou seis criterios de ponderación e de compatibilidade, a parlamentaria asegurou que existen seis sistemas que operan no Estado co mesmo nivel e sinalou que as empresas que se poñen en contacto coa subministradora, unicamente o poden mercar a través dun único distribuidor cuns prezos que oscilan entre 700 ou 800 euros e se queren alugalo deben abonar 200 euros ao mes cunha licenza de 178 euros ao que hai que engadir que o aparello de pegada dixital só pode ser utilizado en dúas opcións formativas polo tanto, a compatibilidade e o prezo non se axustan á opción máis barata, recalcou a nacionalista xa que de querer optar a outras opcións debe ser mercado outro aparello diferente.
Prado acusa a Administración de beneficiar a empresas foráneas
Para a deputada, todo indica intencionalidade de lucro por parte da empresa subministradora do sofware, ademais dunha situación arbitraria verificada nalgunhas delegacións que xa confirmaron ás empresas a imputación de unha media de 30 ou 40 euros por dispositivo o que significa un claro negocio de empresas de fora de Galiza que o Goberno favorece.
Seguen quedando moitas dúbidas do proceder da administración sobre o sistema de pegada dixital que se suman as alarmas que rodean os cursos de formación, concluíu.