O deputado do BNG, Cosme Pombo denunciou a inclusión na listaxe de vacantes para o Concurso xeral de traslados entre o persoal funcionario docente do 2016 dunha praza na especialidade de Conservación e Restauración de Documento gráfico
O parlamentario do BNG, Cosme Pombo afirmou que a especialidade non se impartía na Escola Superior de Conservación nin foi solicitada polo centro nin a inspección educativa, polo que pediu a súa exclusión da listaxe de vacantes para o Concurso de traslados.
O deputado lembrou que a adxudicación da vacante causou grande sorpresa, tanto na Dirección como no profesorado da Escola e o sindicato maioritario CIG-Ensino. Para o parlamentario as prácticas corruptas non son admisibles e nesta ocasión, a provisión desta praza, tampouco conta con xustificación académica.
Pola súa parte o secretario xeral, Jesús Oitaben xustificou a creación da praza e afirmou que existe transparencia no proceso de convocatoria ao que o parlamentario respondeu que segue sorprendendo a creación ad hoc da praza para unha persoa que xa figuraba nas listas de interinos en Galiza, a pesar de estar destinada fora pero parece que o goberno ten a manga ancha e a destinataria da praza está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta. Agora aparece unha praza que non existía, explicou o nacionalista que afirmou non tentar restar capacidade ao goberno de planificar pero resulta sorprendente o cúmulo de casualidades neste asunto.
Por moito que vostede diga aquí que hai transparencia e claridade, toda a comunidade educativa di todo o contrario, recalcou e reiterou que agora hai unha praza que non existía, circunstancia que cualificou de irregular polo que volveu a pedir a anulación da devandita praza na listaxe de vacantes para o Concurso Xeral de Traslados na Escola Superior de Conservación e Restauración.