A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu na comisión de Educación instar á Xunta a iniciar, antes de que remate o presente ano, as obras de ampliación da biblioteca do IES de Cacheiras tal como se comprometera a Consellería de Educación coa comunidade educativa.
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe, na comisión de Educación, instar á Xunta a iniciar, antes de que remate o presente ano, as obras de ampliación da biblioteca do IES de Cacheiras tal como se comprometera a Consellería de Educación coa comunidade educativa.
Previamente a defensa da proposición non de lei , a deputada acompañada do portavoz do BNG no concello de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz mantiveron un encontro coa AMPA do IES de Cacheiras concentrada nas inmediacións do Parlamento para reclamar a ampliación da biblioteca no centro educativo no que estudan 650 alumnos e alumnas.
O PP anuncia o voto favorábel á iniciativa do BNG
O portavoz do Partido popular, Moises Blanco anunciou o voto favorábel á proposta do BNG e xustificou o retraso das obras por mor dos temporais ao que a nacionalista retrucou que os argumentos do PP son moi pobres porque temporais, explicou, tamén houbo no 2014 e no 2015. De todos xeitos, dixo, o que realmente é importante é que a biblioteca se faga e nós hoxe defendemos nesta comisión a demanda dun AMPA que traballa por mellorar a calidade educativa e engadiu que a AMPA do IES de Cacheiras leva moito tempo denunciando a redución de profesorado e defendendo un ensino de calidade no que a educación sexa un valor incuestionable.
Na súa intervención, a parlamentaria puxo o foco na necesidade de ampliar a biblioteca do centro que na actualidade ten 64 metros cadrados para dar servizo a 650 alumn@s e resaltou que resulta chamativo que o espazo dedicado á cafetería sexa máis amplo que o da biblioteca polo que pediu unha reflexión sobre o papel das bibliotecas dentro do sistema educativo.
Ana Pontón concluíu recalcando que tras a presión de toda a comunidade educativa e da AMPA a Xunta recoñeceu que a biblioteca era pequena e a propia Xefatura territorial de Educación comprometeuse a ampliala no ano 2014 polo que agradeceu o apoio de todos os grupos da Comisión de Educación á iniciativa do BNG.