O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamaba, a través dunha proposición non de lei, instar á Xunta a interceder para garantir a produción e postos de traballo da Fábrica de Armas, hoxe Hércules de Armamento (HdA)
Despois de aceptar unha emenda do Partido popular, a proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Cosme Pombo acadou o apoio de todos os grupos parlamentarios na Comisión de Industria celebrada hoxe no Parlamento galego.
O nacionalista defendeu instar á Xunta a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo na antiga Fábrica de armas da Coruña, hoxe Hércules de Armamento (HdA).
Na exposición da proposta, aprobada por unanimidade, o parlamentario do BNG explicou que o futuro da actividade produtiva e dos postos de traballo segue cheo de incertezas e os/as empregadas sofren impagos e retrasos no cobro dos salarios. Ademais, a adxudicataria da concesión tamén pasa por dificultades para a posta en marcha do seu proxecto industrial o que motivou que o 14 de decembro de 2015 representantes da plantilla dirixiran unha carta á Consellería de Economía e Emprego para convocar unha reunión e abordar a situación.
O parlamentario valorou o acordo acadado por unanimidade porque representa un importante paso para que o Goberno galego estableza unha vía de diálogo mediación e propostas das partes afectadas. Cosme Pombo asegurou que o acordo é unha oportunidade de ter unha esperanza de futuro é tamén a esperanza de 76 anos máis de actividade para a Fábrica de Armas da Coruña.
Texto integro do acordo:
"O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a promover, no marco das súas competencias, o mantemento da produción dos postos de traballo na antiga Fábrica de armas da Coruña, hoxe Hércules de Armamento".