COMUNICADO LIDO HOXE POR ISABEL PÉREZ, PORTAVOZ MUNICIPAL DO BNG NO CONCELLO DE OURENSE
Como sabedes o Consello Local do BNG adoptou o día 20 de setembro unha decisión que no seu punto 5 dicía literalmente No caso de que se producise unha imputación en relación coa gravidade dos feitos que aparecen nos medios de comunicación, dende o BNG entendemos que, en aras de evitar o prexuízo á institución, o alcalde debería abandonar o cargo, esa decisión foi transmitida ao Grupo Socialista ao día seguinte
O día 23 de setembro o propio Consello Local, en coherencia con esa decisión, transmitiulle ao Grupo Socialista e, posteriormente, aos medios de comunicación, o comunicado do que sodes coñecedores e que no seu punto 4 di: Agardamos que esta renuncia se materialice coa maior brevidade posíbel. En todo caso, se non se producise o BNG obraría en consecuencia, xa que para nós é unha cuestión de principios a incompatibilidade da nosa presenza nun goberno dirixido por unha persoa cunha imputación grave.
O mesmo día, con posterioridade á nosa comunicación, o alcalde compareceu diante dos medios anunciando que non demitiría. Ao día seguinte, o PSOE, mediante os seus máximos dirixentes, fixo público que o alcalde adoptaría, no transcurso do luns 24, unha decisión á altura das circunstancias. Esa decisión por parte do alcalde non se produciu nin durante o día de onte nin na mañá de hoxe. Moi pola contra, o que observamos é que o alcalde di publicamente que non pensa demitir e, ademais, convoca un pleno extraordinario para o xoves 27 dándolle normalidade á súa xestión como alcalde. A propia dirección do PSOE, coa súa decisión, evidencia tamén que o alcalde non pensa demitir.
Entendemos, pois, que neste contexto o BNG e as súas concelleiras e concelleiro non poden formar parte do grupo de goberno do Concello de Ourense
Entendemos, pois, que neste contexto o BNG e as súas concelleiras e concelleiro non poden formar parte do grupo de goberno do Concello de Ourense porque non se cumpre a condición expresada nos comunicados do 20 e do 23. E, polo tanto, comunicamos a renuncia ás nosas responsabilidades como membros do goberno municipal do Concello de Ourense para que se adopten as medidas que correspondan co fin de efectivizar esta decisión.
Asistiremos á Xunta de Goberno que terá lugar o xoves 27 para facer efectivo o traspaso das nosas responsabilidades no goberno municipal ás persoas que se designen para substituírnos nestas. En todo caso, aseguramos que até que se materialice o relevo garantiremos a gobernabilidade e a xestión cotiá das áreas das que somos responsábeis a día de hoxe para evitar que os servizos á cidadanía se poidan ver resentidos.
De non se producir este relevo antes da mencionada Xunta de Goberno, as concelleiras e o concelleiro do BNG presentarán a demisión irrevogábel das súas responsabilidades como membros do Grupo de Goberno municipal de Ourense.
Isabel Pérez González, voceira municipal do BNG Concello de Ourense
Ourense, 25 de setembro de 2012