A deputada do BNG, Ana Pontón formulou unha pregunta ao goberno sobre as expectativas para converter a Cidade da Cultura en referente internacional da cultura galega
Pleno-.No transcurso da pregunta sobre as expectativas do goberno de converter a Cidade da Cultura nun referente internacional da cultura galega, a deputada do BNG afirmou que o Acuario da Coruña supera en visitantes a Cidade da Cultura.
A parlamentaria asegurou que a Cidade da Cultura rexistrou no ano 2012, 332.847 visitantes, en 2013, 138.400 e no ano 2015, 95.479 visitantes, cifras da propia Xunta de Galiza. Nós entendemos, dixo, que estes datos constatan un fracaso absoluto e non ten sentido continuar dilapidando miles de recursos cando non existe ningún tipo de proxecto cultural.
Pontón cualificou de disparate que a consellería de Cultura incremente nun 30% os fondos á Cidade da Cultura. Manter abertos eses eses edificios cústanos ao día máis de 25.000 euros, unha cifra obscena se temos en conta cal é a realidade social e da cultura deste país.
A deputada asegurou que na Cidade da Cultura non se produciu ningunha acción destinada a internacionalizar a cultura galega porque o WOMEX,explicou, non se inventa na Cidade da Cultura como afirmou o conselleiro na súa intervención, o WOMEX recalcou Pontón é unha feira pagada con recursos públicos e iso, non é internacionalizar a cultura do noso país.
A parlamentaria concluíu pedindo ao goberno que asuma o fracaso e deixe de enterrar miles de euros nunha Cidade da Cultura que non repercute en nada positivo para o noso país.