A deputada presentou a páxina web do BNG na que os veciños e veciñas de Vigo achegan as súas denuncias
A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta sobre as medidas do Goberno para resolver os problemas e deficiencias estruturais do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Na súa intervención, a parlamentaria cualificou de desastrosa decisión e un traslado apresurado que provocou que moitos e moitas doentes denunciaran a situación que estaban a padecer todos os días mentres dende a consellería de Sanidade e o propio presidente da Xunta falaban de típicas molestias na posta de funcionamento que os profesionais e doentes cualificaban de faios estruturais pola premura das empresas concesionarias que querían sacar rapidamente rendemento. Esta situación dixo, tentou zanxarse con cambios máis os problemas continúan e este mesmo domingo está convocada unha marcha cidadán ata o novo hospital para evidenciar que as deficiencias seguen existindo.
Agora, engadiu, deciden rebaixar a tarifa do parking pero ese, dixo, Adán, non é o único problema do centro sanitario. Nós, dende o BNG habilitamos unha páxina web na que diferentes doentes e familiares denunciaban os problemas que vivían a cotío, algunhas xa recollidas pola prensa e outras pechadas nunha gabeta porque resultaba imposible presentar unha reclamación no hospital con colas de unha hora e media ou porque a páxina web permanecía pechada ou non permitía publicar as demandas.
A deputada relatou algúns dos casos entre os que destacou o dunha persoa citada para unha intervención por láser que finalmente e despois de estar sentado durante vinte horas non foi posible realizar. A realidade é que non hai mantas, os pagos son excesivos nos aparcadoiros e na cafetería, queixas pola atención nun servizo de urxencias saturado, queixas do persoal por non contar coas salas e material adecuado e outras necesidades que non foron contempladas no deseño do centro.
Pola súa parte, o Xerente do Sergas, Fernández Campa xustificou as queixas amparándose na dificultade dun traslado a un gran hospital e restou importancia as mesmas destacando o gran número de consultas e intervencións realizadas no mesmo.
Na réplica, a deputada reiterou que a situación do Álvaro Cunqueiro vive unha situación extraordinaria derivada da improvisación que creo alarma social e por moito que se empeñen en querer convencernos de que é un hospital público non o é. Se fora público, recalcou, non pagariamos un canon durante vinte anos. Unha boa parte dos servizos están privatizados o que levou ao hospital a unha situación de caos.
A parlamentaria concluíu reiterando a súa pregunta inicial sobre o arranxo dos problemas estruturais do hospital e como se van a pagar.