O Senado rexeita a proposta do BNG solicitando a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo

Carme da Silva
Carme da Silva

“Galiza non pode seguir sendo unha zona de sacrificio para que territorios como Madrid poidan ter enerxía renovábel limpa e sen impactos” afirma a senadora do BNG

O BNG defende os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro na cámara alta frente a aparente equidistancia e a oposición dos partidos estatais

Carme da Silva sinala que non existen estudos suficientes para continuar a desenvolver a eólica mariña na Galiza, onde o sector pesqueiro representa un piar na economía galega

Carme da Silva lamenta que a iniciativa do BNG solicitando a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño non saíse adiante por mor da abstención do PP e o voto en contra do PSOE. A senadora do BNG afirma que, tal e como contempla a Unión Europea no informe que apoiaba a súa moción, aínda non existen estudos suficientes para coñecer o impacto socioeconómico e ambiental que suporá a instalación dos aeroxeradores na costa, sobre todo na galega, e chama á prudencia. En aras de defender o sector pesqueiro e marisqueiro, así como a protección dos ecosistemas mariños, a frente nacionalista chama a levar a cabo unha descarbonización e unha transición ecolóxica xusta e non que Galiza continúe a ser unha zona de sacrificio.

“Pedimos a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) que dan vía libre á instalación de parques da eólica mariña sen que se efectuase unha planificación seria e rigorosa das necesidades de enerxía eléctrica na Galiza e sen ter realizado estudos de impacto socioeconómico pertinentes” defendeu a senadora do BNG. De facto, todo o sector pesqueiro e marisqueiro galego estase a opor á instalación dos aeroxeradores. “O que solicitamos, igual que unha parte da sociedade galega, é que se paralice o POEM e se agarden ás sentencias que están pendentes e se realicen estudos de impacto socioeconómico e ambiental” subliña Carme da Silva.

O Goberno do Estado, coa complicidade da Xunta, pretende instalar 43%da eólica mariña na costa galega. “Estamos a falar de 2.200 quilómetros cadrados de costa entregados ás grandes empresas eléctricas para montar polígonos industriais sobre o maior número de caladoiros de todo o Estado español” denuncia. A metade de aeroxeradores, continúa Carme da Silva, de eólica mariña contémplase instalala na costa galega afectando o sector pesqueiro e marisqueiro da Galiza, un dos sectores máis importantes para o País.

“Isto non é descarbonización nin transición xusta. O pasado ano o Tribunal de Contas Europeo aprobaba o Informe Especial sobre Enerxía Renovábel Mariña na Unión Europea en que concluíu, entre outras cuestións, que as repercusións socioeconómicas do desenvolvemento das renovábeis mariñas non se estudaron con suficiente profundidade e aínda teñen que resolverse numerosos aspectos ambientais” subliñou a senadora nacionalista.

Adaptar os proxectos ás necesidades da Galiza

“Na Galiza somos excedentarios en produción de enerxía eléctrica. Producimos moito máis enerxía da que consumimos. Todos estes proxectos da eólica mariña non están dimensionados para as necesidades do noso País, senón que se decidiu converter a Galiza en que os expertos denominan zona de sacrificio” acusa. Para que Madrid poida ter enerxía renovábel limpa e sen impactos, evidenciou a senadora do BNG, Galiza asume todos os impactos sen ningún beneficio.

Preguntas a futuro

“Está o Goberno do Estado español planificando adecuadamente a descarbonización da industria e a produción de enerxía eléctrica? Ou lanzámonos en mans das empresas a que a Galiza produza máis e máis e máis enerxía renovábel con eólicos por terra e por mar sen que repercuta na reindustrialización da Galiza?” preguntou retoricamente Carme da Silva mentres sinala que está a baixar o consumo de enerxía eléctrica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG