parlamento galego

Rosana Pérez acusa á Xunta do PP de “permanecer cos ollos pechados e inoperante” diante da contaminación de San Finx

Rosana Pérez
Rosana Pérez

A deputada do BNG critica que o Goberno non esixa un estudo de impacto ambiental nin avais a unha empresa que ten un capital de tan só 3.600 euros

Logo das análises que demostran altas concentracións de metais pesados, pide anular o permiso para verter catro millóns de metros cúbicos de augas residuais  

A deputada do BNG Rosana Pérez volveu exixir hoxe ao Goberno do PP que, de maneira inmediata, anule o permiso á concesionaria da mina de San Finx para verter ao río Pesqueira catro millóns de metros cúbicos de augas residuais. Nunha pregunta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, emprazou ademais á Xunta a suspender a actividade da empresa mentres non se leve a cabo un estudo de impacto ambiental.

“Establezan todos os mecanismos necesarios para paralizar as verteduras e, sobre todo e en cumprimento da Lei de Responsabilidade Medioambiental, impoñan medidas de prevención e de reparación de danos por parte da empresa”, reclamou a deputada nacionalista, que unha vez máis alertou do “perigo ambiental, económico e social” que representa para toda a ría de Muros e Noia a situación das instalacións mineiras.

Perigo do que se leva alertando dende hai anos pero que agora se corrobora tamén coas análises feitas por Augas de Galiza que amosan, augas abaixo das balsas da mina, niveis de cadmio 78 veces por enriba dos máximos permitidos, 48 veces máis de cobre e 8 no caso do cinc. “Unha contaminación que a Xunta recoñeceu por primeira vez máis que se leva denunciando dende o 2015 e diante da que permaneceu cos ollos pechados e totalmente inoperante”, criticou.

Rosana Pérez acusou á Xunta de non reclamarlle á empresa o estudo de impacto ambiental ao que obriga a lei  “sendo cómplice de que as sucesivas concesionarias esquivasen as súas responsabilidades sobre a recuperación ambiental da contorna da mina e sobre o gravísimo problema, entre outros, que supoñen as balsas de residuos contaminantes”. “Levamos catorce anos agardando por ese estudo”, agregou logo de preguntar á representante do Goberno do PP se van tomar medidas para salvagardar a riqueza produtiva e a saúde das persoas da comarca de Muros Noia “ou van seguir protexendo os intereses da empresa”.   

 

Reprochou ademais á conselleira que a Xunta non esixa ningún aval para a actividade da mina, agora en mans dunha empresa recentemente creada “cun capital de 3.600 euros e co mesmo domicilio .-que casualidade!- no que residen os administradores da empresa anterior que o que buscou coa venta foi desfacerse de calquera responsabilidade”, ironizou. Denunciou, neste sentido, que a empresa non podería facer fronte á súa responsabilidade “no caso de danos aínda máis severos” .

 

“Vostedes incumpren de oficio a lei”, díxolle Rosana Pérez á conselleira, lembrando que a autorización de verteduras feita en febreiro deste ano supuxo a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía contra altos cargos de Augas de Galiza, a comezar pola súa propia directora. Lamentou, neste sentido, a “interminábel maraña xudicial” que rodea a actividade da mina de San Fin e que, dixo, “podería terse evitado se o Goberno galego tivese actuado dende o principio na defensa escrupulosa da lei e dos intereses dos administrados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG