O PP vota en contra da comisión de investigación sobre a xestión da pandemia nas residencias

Pontón: “A investigación nas residencias non vai contra ninguén senón a favor da protección dos nosos maiores”

O BNG ofrece ao PP cambiar a unha comisión de estudo se iso facilita un acordo que permita traballar por un modelo que garanta unha vellez digna

“A grandeza dun país non está nos km de autoestradas senón en ser capaz de coidar dos vulnerables nunha sociedade na que cada vida ten o mesmo valor”, alega

 O 45% dos falecementos por COVID19 afectaron ás persoas maiores usuarias dunha residencia. En Galiza hai 384.000 persoas entre 70 e 85 anos, só 20.000 están nunha residencia. Por que un colectivo de apenas 20.000 persoas soporta o 45% das mortes provocadas polo virus e que debemos facer para evitalo? Responder a esa pregunta, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, era o obxecto da comisión de investigación proposta polo BNG.

“señorías, esta comisión non vai contra ninguén senón a favor, a favor das persoas maiores para que nunca máis se vexan abandonadas e teñan a confianza de que se garanta o seu dereito a unha vellez digna”, proclamou, “porque as familias e o conxunto da sociedade reclaman coñecer a verdade, que se detecten os erros para corrixilos e pídennos que nos poñamos mans á obra para avanzar nun modelo de residencias  e de coidados que protexa aos nosos país e nais, aos nosos avós e avoas”.

Pontón pediu ao PP que “recapacitase” mudando a “crónica dunha votación anunciada” porque as vítimas e as familias merecen que a resposta non se quede “no rolete parlamentario” nun asunto de “enorme transcendencia” e porque ademais, alegou a líder nacionalista, “o que fai grande a un país non son os quilómetros de autoestrada, senón a súa capacidade para xerar unha sociedade xusta e igual, capaz de coidar das persoas máis vulnerables, un país é grande cando a vida de cada persoa ten o mesmo valor, con independencia da súa idade ou da súas condicións económicas”.

Ante o veto dos populares, a portavoz do BNG ofreceu como proposta alternativa: a creación dunha comisión de estudo para abordar o drama das residencias.

“Se para o PP o problema é que poña comisión de investigación, se iso é o problema emprazámolos a crear unha comisión de estudo sobre o que pasou e que abordamos o cambio de modelo, porque o menos relevante é se pon investigación ou estudo senón darlle unha resposta ás familias neste asunto de tanta gravidade e un reto de tal calibre que non podemos limitalo a un apéndice dentro doutra comisión”.

Pontón salientou que, ademais de evitar que se repita o drama das residencias, un dos desafíos que ten Galiza como territorio máis envellecido de toda Europa é mudar o modelo de coidados das persoas maiores. Por iso, recalcou, “se o problema é investigación, cambiemos investigación por estudo pero démoslle resposta aos nosos maiores”.

O BNG criticou a incapacidade do Goberno de Feixóo ante “zona cero” na que se converteron as residencias na pandemia, reaccionando tarde, mal e con decisións incomprensibles como a de non derivar a todas as persoas afectadas a un hospital. Erros que se repiten nesta segunda onda, con contaxios masivos e vítimas mortais.

Fondos especulativos nas residencias

A COVID demostrou con “total crueza” que Galiza ten que mudar radicalmente o actual sistema de coidados das persoas maiores maioritariamente privatizado, “no que  o dereito a unha vellez digna é obxecto de negocio para un puñado de empresas, algunhas delas mesmo controladas por fondos de investimento ou fondos voitre”, alegou.

A modo de exemplo citou o caso da empresa Domus Vi, con17 centros en Galiza, que  opera a través de ducias de sociedades e con dous accionistas de referencia: un fondo de inversión británico e un fondo de investimento propiedade dun multimillonario francés. As residencias deste grupo foron das máis afectadas: “todos  e todas sabemos que pasou na residencia de DomusVi San Lázaro, en Barreiro, en Aldán ou en Outeiro de Rei, con centos de persoas contaxiadas, as veces cunha afectación de até o 80% dos residentes e traballadores, e ducias de persoas falecidas”.

Recoñecemento ao persoal

Unha “tráxica constatación” de que non se pode deixar o coidado dos maiores en mans de fondos especulativos, indicou Pontón, tras recoñecer o esforzo dos e das traballadoras destes centros. “Permítanme que recoñeza ao persoal das residencias, -a maioría mulleres-, que mesmo nas condicións precarias e de baixos salarios nas que traballan, demostrou unha entrega e unha dedicación admirables durante toda a pandemia que, estou segura, salvaron vidas”.

Pero que esteamos ante un “nefasto modelo privatizado”, indicou, “non significa que non reciba millóns en axudas públicas a través de dúas vías: prazas concertadas e cesión da xestión de centros públicos.

A pandemia, concluíu a líder nacionalista, ten que significar un punto de inflexión sobre todo nos coidados, e para iso é preciso coñecer o que se fixo mal para corrixilo e traballar non novo modelo. “Porque hai situacións que non son admisibles, nin na vella nin na nova normalidade e a situación das residencias de maiores neste país é unha delas”, declarou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG