O deputado do BNG, Luís Bará lamentou que o Partido popular “vetara” a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento galego para explicar a súa actividade como senador.
O nacionalista propuxo abordar esta cuestión na Comisión 1º Institucional, Administración, Xustiza e Interior, á que a Mesa do Parlamento trasladou o asunto despois da solicitude realizada pola viceportavoz do BNG, Olalla Rodil na Xunta de Portavoces.
Bará lembrou que Núñez Feijóo no seu período como senador, elixido o 25 de maio do 2022, só realizou cinco preguntas e considerou que debe dar explicacións no Parlamento galego como institución que o elixiu por designación autonómica, elección que só contou cos votos do grupo parlamentario do Partido popular e foi criticada polo BNG, no seu momento, por considerar que o PP facía un “uso partidista” do Senado e utilizaba a cámara alta como plataforma para a carreira política de Núñez Feijóo en Madrid.
O deputado do BNG lamentou que unha vez máis, o Partido popular utilice a súa maioría absoluta no Parlamento galego para “vetar” a comparecencia de Núñez Feijóo.