A portavoz nacional, Ana Pontón, critica o pacto entre PP, En Marea e PSOE para excluír ao BNG do debate que terá lugar proximamente no Congreso en defensa da Lei de transferencia e rescate da AP-9, aprobada pola Cámara galega en marzo de 2016, pese a ser o grupo parlamentario impulsor e redactor do texto lexislativo.
Despois de que estas tres forzas políticas rexeitaran na Xunta de portavoces o escrito de impugnación presentado polo BNG, Pontón instan a rectificar no próximo pleno.
“Para o Bloque é un tema de país e pídolles que rectifiquen no pleno do martes retirando o punto da orde do día ou ben que se chegue a un criterio lóxico e presentable en termos democráticos, que pasa por garantir que o grupo que promove unha iniciativa lexislativa integre a delegación encargada da súa defensa no Congreso”, argumentou, “o resto enturba as relacións no Parlamento pero tamén o funcionamento democrático nas institucións”.
Esta petición do BNG xurde despois de que PP, En Marea e PSOE pactasen cambiar a delegación que irá á Cámara baixa a defender a Lei de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 aprobaba o 15 de marzo ce 2016, data na que o Parlamento tamén designou ás persoas encargadas de defender a posición de Galiza en representación do PP, PSOE e BNG.
Nomeamentos que agora se queren mudar cunha nova designación no vindeiro pleno para excluír ao BNG, “a pesar de que esas tres forzas políticas saben que o autor que impulsou, escribiu e defendeu con uñas e dentes esa lei foi o Bloque, e pensamos que é fraudulento en termos democráticos excluír ao grupo que precisamente promoveu a iniciativa”.
Nada hai no regulamento da Cámara galega que obrigue a remover estes nomeamentos para designar outros novos e tampouco se sostén o argumento da aritmética parlamentaria porque, nese caso, o PP podería designar dous dos tres representantes.
E todo isto nun contexto no que as forzas estatais levan anos vetando a transferencia da AP-9 e agora queren evitar que esa infraestrutura non só sexa xestionada desde Galiza senón tamén conseguir que recupere a titularidade pública e deixe de ser pasto da especulación por parte de fondos voitres que fan caixa coa AP-9”, alegou.
Hai que ter en conta que o Parlamento ten aprobadas tres leis reclamando a transferencia da AP-9. A primeira de 2016 é a que en breve será debatida no Congreso despois de que o Goberno de Sánchez mudase o criterio respecto á tramitación da lei antes vetada polo Goberno de Raxoi. Precisamente, en aras de sortear eses vetos do PP e para evitar que quedase esquecida no caixón, aprobáronse outros dous textos, en 2017 e en 2018.