A deputada do BNG, Rosana Pérez demandou, a través dunha proposición non de lei “Incluír no convenio de colaboración entre a Xunta de Galiza e distintos concellos aos da comarca de Muros e Noia na da Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela e mellorar a conexión entre a comarca de Muros e Noia sobre todo con Boiro e A Pobra do Caramiñal”. A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular na comisión de Ordenación do Territorio.
A deputada do BNG lamentou que “unha vez máis” o Partido popular dera as costas á unha vella demanda e ironizou coa rapidez do Ave a Madrid fronte a “falta dun transporte axeitado na comarca do Barbanza”.
Na defensa da iniciativa, a nacionalista, explicou que a Xunta desenvolveu un primeiro proxecto de mellora do transporte nas sete principais cidades de Galiza e no caso de Santiago de Compostela, o primeiro convenio de colaboración para a implantación dun grupo de medidas de fomento do transporte público tivo lugar no ano 2006 cun total de oito concellos da área compostelá ampliado no ano 2010 a once e finalmente, a través do Plan de Transporte Metropolitano de Galiza, en novembro de 2020 , “18 concellos conforman a Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela (ATM)”.
Para a deputada resulta “inexplicable” que no ano 2020 non foran incluídos concellos moi próximos á capital galega que, ademais, levan anos solicitando formar parte da área metropolitana de Santiago como Noia e a súa comarca, a zona de litoral máis próxima a Santiago que, a día de hoxe, padece numerosos problemas de mobilidade e falla de conexión en transporte público colectivo.
Por outra parte, engadiu na comarca de Muros e Noia un gran número de persoas deben viaxar dende os diferentes municipios a Santiago por motivos laborais, sanitarios, de estudos ou de ocio nun servizo de transporte “moi deficiente” e propio parlamento galego recalcou aprobou un acordo unánime , no ano 2017, co fin de “iniciar un estudo para incluír a Noia na área de transporte metropolitano de Santiago” pero a día de hoxe, “continúa agardando por esa inclusión”.
Ademais, engadiu, a falla de conexión axeitada entre a comarca de Muros e Noia e a da Barbanza resulta un caso “paradigmático do abandono e desidia” da administración.
Transporte insuficiente entre concellos
Concellos como Boiro ou A Pobra do Caramiñal, remarcou a deputada do BNG, gardan unha importante relación histórica, económica e social con Noia, sobre todo “laboral” coas ás fábricas conserveiras de Boiro e A Pobra, e que distan apenas vinte minutos en coche, pero nun transporte “cun só servizo directo ao día en cada dirección, ampliado a tres en períodos lectivos e sen conexión nas fins de semana”, fan imposible a comunicación.
A paulatina redución de traxectos nos últimos anos fai que a conexión entre Noia e Boiro ou A Pobra sexa unha combinación case imposíbel co abandono do transporte público por parte dos usuarios e usuarias que, na maioría das ocasións, acaban optando por un circuíto dende Noia a Ribeira e á Pobra mesmo con transbordo na Pobra para dirixirse a Boiro. É dicir, “unha ruta dende Noia a Boiro, de apenas 18 quilómetros e 20 minutos, convertida nun auténtico rodeo de 40 quilómetros e hora e media de duración”.